Guido Guía: «Xa guiei en todos os concellos da Mariña e a cousa vai ir a máis»

IMG-20230622-WA0000
photo_camera Guido nunha visita ao faro da Illa Pancha

Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) é turismólogo, guía e docente universitario especializado en Planificación Turística e en Xestión de Paisaxes Culturais. Desde o 2019 desenvolve o seu propio proxecto profesional: Guido Guía. 

 

Guido presume orgulloso das súas raíces arxentinas nas súas redes sociais e non agocha a súa ledicia tras o campeonato mundial de fútbol logrado pola selección albiceleste. Naceu no barrio do Carme en Lugo, mais aos 18 anos marchou para A Coruña estudar Turismo. Estivo once anos a cabalo entre a cidade herculina e Santiago de Compostela, ademais das súas numerosas estadías no estranxeiro: Téramo e Nápoles en Italia, Sttutgart en Alemaña ou Saint-Étienne en Francia. Traballou nunha consultora turística en Nantes, no museo Benjamin Franklin House de Londres ou no Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) en Santiago de Compostela. No 2015 decidiu voltar a Lugo e no 2019 comezou como autónomo o seu propio proxecto: Guido Guía.

Considero que as cidades teñen que abrirse aos lugares menos visitados, entre outras cousas, para evitar a turismofobia

O proxecto naceu na cidade de Lugo, onde ademais das visitas máis tradicionais, creou unha iniciativa de paseos guiados “diferentes” que chamou “O Lugo menos coñecido” (Arte Urbana, Reserva da Biosfera, Enigmas Lucenses…) que xa van polo capítulo 30. «Non son só guía, senón tamén planificador turístico. Considero que as cidades teñen que abrirse aos lugares menos visitados, entre outras cousas, para evitar a turismofobia», afirma Guido. Este espírito canda a súa persoal maneira de concibir o seu traballo valeulle para ser recoñecido como un dos 10 Lucenses do Ano 2020, asociado de honra da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, ou para acadar o recoñecemento internacional “Travelers Choice” da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023. 

 

Esta idea estendeuna tamén á Mariña, comarca coa que mantén unha estreita relación pois as súas dúas avoas son de Vilaronte e de Ribadeo respectivamente. Foi xa no 2020 cando iniciou as visitas guiadas por toda a provincia. «A primeira vez foi en Alfoz e no Valadouro, mais xa guiei en todos os concellos da Mariña e a cousa vai ir a máis», sinala Guido. Afirma que lle encantan os municipios e os lugares máis turísticos —a zona vella de Ribadeo e Viveiro, a praia das Catedrais ou o Fuciño do Porco—, mais queda con lugares menos coñecidos como a Ruta do Cantábrico ou a zona de Marzán en Foz, o paseo desde Ribadeo á Illa Pancha ou espazos novos relacionados coa arte urbana como a galería de murais de Burela ao abeiro do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. 

 

Subliña que xa son máis de 100 nacionalidades as que participaron nas súas rutas pola provincia. «Moitos son estudantes Erasmus ou con convenio bilateral, inmigrantes de moi diversos países —debido á súa colaboración con distintas oenegués— ou profesorado nativo de inglés». Estados Unidos, Inglaterra, Irlanda, Francia, Italia e Alemania son os países con máis presenza nas súas actividades. 

IMG-20230622-WA0001

 

Canto ás comunicacións, destaca o enorme potencial turístico da liña de FEVE, un potencial que non acaba de ser aproveitado: «é unha das experiencias máis incribles, románticas e, porén, máis descoñecidas para a gran maioría da poboación do país». Neste sentido, apunta tamén que «a provincia de Lugo é a grande abandonada na cuestión do tren. Hai xa máis dun século que se falaba da posibilidade dunha liña ferroviaria que ía unir Lugo coa costa». 

 

Guía desde o inicio en galego (ademais de noutros catro idiomas nos que está acreditado) e foi experimentando e constatando o interese e a estima das viaxeiras e viaxeiros polas súas visitas, paseos e actividades en galego: «á maioría da xente encántalle, incluso aos estranxeiros; algúns son fillos ou netos de emigrantes que queren achegarse á súa cultura de raíz ou simplemente ter un contacto coa lingua propia de Galicia». Para Guido o galego é «o principal patrimonio que temos». Un elemento diferenciador que pode potenciar a súa marca persoal. 

 

Ademais, quere poñer en valor a súa rede de colaboradores e afirma que na Mariña é especialmente interesante este traballo conxunto. Nomes coma os de Pedro Rolle, Ana Pena, Boris Vilar, Sofía López, Claudia del Pino, Caxigueiro, Lidia de la Fuente, Lucas Requejo, os artesáns de Mondoñedo ou a carpintería de ribeira en San Cibrao acompáñano nas súas visitas pola nosa comarca.