Comeza a festa da serea máis famosa da Mariña Lucense. Chegou a festa da Maruxaina e, entorno á súa figura, existen lendas, mitos e historia. Coa cal, o artista cervense Ánxel Cao (1957) está moi familiarizado e, de feito, e unha icona da arte de esta festividade. Ademais de ser o autor da serea que adorna a praia de O Torno de San Ciprián, tamén é o que deseña e produce as cuncas de dita festividade. «Quero facer algo orixinal e que a xente do pobo coñeza e, por iso, baseo o deseño nos peixes máis míticos», expresa. Nesta edición, o peixe coñecido como xulia ou doncela é o gran protagonista dos tragos da queimada durante estas xornadas tan emblemáticas. «Este é un peixe propio dos Farallóns de San Ciprián e por iso ten estas cores e formas singulares», afirma.
-Para quen non o coñeza, quen é Ánxel Cao?
-Nacín fai moitos anos, no ano 1957, e levo no mundo da arte dende sempre. Dende moi pequeno, as miñas primeiras experiencias foron xogando co barro. Collíao nunha praia e poñíao a secar ao sol. Isto xa o facía antes de ir a escola, entón, sempre tirei por aí.
-Entón pódese considar afortunado de poder adicarse ao que sempre quixo?
-Dende logo. Eu non traballei na vida. Sempre fixen o que quixen. Eu estou na xubilación dende hai anos e, como estou no que me gusta, non me dou retirado. Eu simplemente fago o que me gusta.
-Vostede é de Cervo, continúa vivindo na zona?
-Andiven, como todo o mundo, dando tumbos. Fun ao mar, á pesca e despois estiven traballando noutras cousas ata que cheguei á Coruña e matriculeime para estudar óleo cun pintor moi bo. A partir de aí, estudei artes aplicadas e fun facendo cursos alí por onde había. Unha cousa moi significativa para min foi Sargadelos.Díaz Pardo, cando comezou a facer os cursos de cerámica internacional; abríume moito os ollos. Foi algo definitorio para min. En San Ciprián, naquela época, era difícil acadar coñecementos artísticos. Non era como agora. En Sargadelos abríuseme un camiño, vin algo diferente.
-O mar sempre estivo presente na súa vida e, na cuestión da Maruxaina, é bastante coñecido pola escultura que fixo. Que implica para vostede?
-A Maruxaina comezou como un encargo dunha figura para a festa e comecei por alí. Logo foi crecendo e agora é unha cuestión máis popular.Pero sempre foi unha relación máis directa, máis humana, máis infantil entre os veciños de San Ciprián. A Maruxaina sempre estivo presente e era o medio que utilizaban os mariñeiros para que lles axudáxemos a subir as lanchas para a praia cando chegaban da praia. Dábannos unha mazá que lles sobraba do xantar. Sen embargo, eles dicían que esa mazá déralla a Maruxaina para nós. Desta forma axudávamolos sempre e, desta forma, sempre estivo presente.
-Tendo esto último en conta, entendo que, en todos estes anos, a festa cambiou moito. Segue tendo a mesma maxia que fai anos ou vai perdendo ese significado enxebre?
-Eu recordo a primeira Maruxaina na que se fixo a festa e foi algo moi entrañable e moi pequena. Éramos só os do pobo festexando ata o amencer. A festa naceu como unha festa moi íntima e particular e, a medida que foron pasando os anos, fóronse integrando cousas novas, xentes novas e, agora, un pouco de masificación si que é. Aínda así, segue sendo a festa da Maruxaina.
-Este ano, coa saída da súa cunca, como se producíu?
-Encárganme todos os anos dúas cuncas. Unha máis popular de barro vermello e sen moito deseño e, logo, encargáronme 500 orixinais. Eu comecei facendo cuncas de crustaceos, pero como quero facer algo orixinal e os cascos vanse esgotando, xa hai dous anos que vou facendo cabezas de peixes. Este ano decidín facer unha xulia (en castelán é doncella) e ten un rabo negro, xa que é unha xulia propia do Farillón. Soamente os peixes que nacen do Farillón teñen esta cor no rabo. Estes son detalles que só as xentes de San Ciprián van localizar.
-Canto tempo lle levou facer estas 500 cuncas orixinais?
-Sobre todo trátase de facer un produto asequible, xa que son moitas. Entón ten que ter unhas circunstancias de fabricación asequibles. Logo tiña que ser un deseño fácil. Pero só pensar na idea pódeme levar casi un ano. Logo son dous meses entre que penso a idea, a diseño, fago os moldes e comezo a reproducir.
-Que implica para vostede este tipo de encargos anuais para esta festividade?
-Sobre todo, unha gran responsabilidade e saír airoso. Teño que facer un produto asequible e que, ao mesmo tempo, non dea perdas. Cada peza hai que cocela tres veces e o prezo do combustible está bastante caro, polo que é unha gran responsabilidade. Por iso tírome un ano no próximo peixe que vou facer (risas). Os peixes no mar acábanse e non me gustaría repetirme moito.
-As baleas son moi enxebres na zona. Pensou en inspirarse nalgunha para as súas cuncas?
-Unha balea, ao mellor para o ano que vén pode estar ben, pero gústanme moito os animais un pouco máis populares e a balea non creo que sexa tan recoñecida. Por exemplo, as xulias comémolas fritas e hainas á venda por aí. Na búsqueda da próxima idea, a xente coa que falo soe inspirarme moito e nunca se sabe onde pode xurdin a próxima obra.
-O seu fillo, Telmo Cao, está facendo obradoiros en Sargadelos. Pensa facer unha fusión para a próxima cunca?
-Sempre colaboramos os dous xuntos en cousas. Estamos moi integrados. Non colaboramos na Maruxaina, pero noutras cousas si. Ademáis que o ferro e a cerámica intégranse moi ben e fanse pezas moi actuais e expresivas. Se se dera a oportunidade, poderíase facer algo en conxunto, claro.
-Debe ser un orgullo ter ao seu fillo tan preto e adicándose ao que lle gusta.
-É un orgullo e unha responsabilidade tamén. Pero é unha alegría ter un fillo que poida vivir do arte. Hoxe en día vivir disto é moi difícil. Hai que ter unha serie de circunstancias e venderse moito para aguantar de forma íntegra e facendo o que che gusta, na idea orixinal. A el vaille ben e está contento, e iso é fundamental.