O gaiteiro das Catedrais, Albano Cancio: «Estou en contra da denominación fodechincho»

Foto de O Gaiteiro das Catedrais
photo_camera Foto de O Gaiteiro das Catedrais
A vida levouno a tomar a decisión de tocar na praia das Catedrais por amor á divulgación á cultura e á música tradicional galega dende 2012 e, ademáis, forma parte da Asociación Dambara de Burela que cumpre en decembro o seu 25 aniversario.

Albano Cancio (1983), ademais de ser profesor de secundaria, é maiormente coñecido por ser 'O Gaiteiro das Catedrais'. A súa paixón pola música tradicional galega provocou que integrase diversas bandas e grupos durante a súa vida. O seu gran orgullo é «divulgar a nosa cultura aos visitantes que chegan» e considera que «o turismo é maioritariamente respectuoso e ten moita curiosidade pola nosa cultura. Por iso, estou en contra do termo 'fodechincho'». A punto de rematar a tempada alta do verán, retrata a súa historia e como é tocar na Praia das Catedrais.

Cando comezou a tocar nas Catedrais?
Comecei no 2012. Ese foi o primeiro ano que toquei alí. Tiven unha reorganización laboral. Eu antes traballaba no ámbito social e, por cousas da vida, comecei a dedicarme á música non só como unha actividade senón tamén como un traballo. Entre outras cousas, teño unha banda de música, unha banda de gaitas, un cuarteto e, entre outras actividades, tocaba na rúa (de feito, nos meus anos como estudante tamén tocaba no Arco de Xelmírez). Entón, dixenme: «Por que non facelo na Mariña?»

Por que as Catedrais?
As Catedrais é o foco turístico máis importante de todo o norte do país e un dos sitios máis visitados de Galicia, só por detrás da Catedral de Santiago de Compostela. Aínda que eu creo que é o sitio máis visitado de Galicia. Sabendo que sempre habería xente nesa zona e, como son unha persoa moi apegada ao mar (xa que meu pai e meus avós traballaron no mar), xuntei varios factores no mesmo punto: o laboral e o afectivo. Tamén me gustou sempre o contacto coa xente e facer música, e estou moi en contra dese calificativo que se emprega para moitos turistas que veñen á zona. Sempre hai xente non respectuosa, pero tamén a hai entre a xente do país. Non ten nada que ver co lugar de procedencia. Toda a xente que veu á praia tratoume cunha porcentaxe elevadísima de respecto, admiración e cunha gran curiosidade por coñecer a nosa música e cultura. Polo tanto, estou moi en contra da palabra 'fodechincho'.

Vai vestido co traxe tradicional. Non é incómodo ir á praia con ese atuendo?
Sempre tiven moi claro que debía poñer en valor a cultura e a música galega. Isto inclúe o traxe, que levo á praia para dignificar o meu traballo e a nosa música. Son moi estricto co tema e nunca me visto doutro xeito.

Está todo o ano tocando nas Catedrais?
Eu adícome á educación secundaria e dou clases de xeografía e historia. Durante a etapa escolar, tócame estar en Vigo, polo que non podo estar aquí e só cando veño na Semana Santa ou no verán podo tocar. Agora, nesta tempada de verán, aproveito para tocar cando baixa a marea.

Que lle adoitan decir os turistas ao atopalo na praia?
A resposta xeral é moi positiva. Vén xente de todo o mundo e as Catedrais son un eixo vertebrador que, se se traballase ben, sería a bomba para toda a comarca. A xente, sobre todo, ten curiosidade pola cultura e seguenme centos de persoas para aprender máis, e músicos doutros lugares pídenme colaboracións. A verdade é que é moi interesante o que me ofrece tocar na zona. Ademais, creo que realizo unha labor divulgativa da nosa cultura, e por iso o fago. Tamén a parte económica axuda. Teño moedas de moitos países das propinas que me dan os turistas.

Ten algunha anécdota á que lle teña especial agarimo?
Teño unha anécdota que gardo con especial cariño por ser tan bonita. Un día, mentres estaba tocando, apareceu unha persoa xorda que viña facendo o Camiño de Santiago con máis persoas. A compañeira desta persoa preguntoume se o rapaz xordo podía abrazarme para escoitar a música que eu tocaba a partir das vibracións da gaita. Mentres sucedía isto, esa persoa abrazada a min emocionouse e conseguiu emocionarme tamén. Todos os días recibo frases bonitas de agradecemento, de diversas formas.

Toca durante o ano en coas súas outras bandas pola zona?
A Asociación Dambara de Burela, coa que levo máis tempo tocando, cumpre agora 25 anos e imos tocar en moitos lugares. A nosa intención é levar a música tradicional a todas partes. Na nosa asociación hai xente de moitos países e aínda son máis "pataqueiros" ca min, incluso. Con motivo deste aniversario, levamos facendo moitas actividades, pero o día grande será o 7 de decembro.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Una publicación compartida de O gaiteiro das catedrais (@ogaiteirodascatedrais)

 

 

Comentarios