A presidenta de ACISA Ribadeo, Carmen Cruzado, sinala que «tras a consulta realizada entre os hoteis asociados podemos facer un balance positivo do mes de xullo no que a ocupación oscilou entre o 75 e o 90%. E as expectativas para agosto, vendo as reservas, polo que nos comentan son moi boas. Agardamos que este verán de 2023 sexa moi positivo para todo o sector».
Cruzado Iglesias indicou que «a mellor forma de palpar a presenza de turistas en Ribadeo é dar unha volta polas rúas peonís, que están ateigadas de xente continuamente, ver o ambiente nas terrazas, nos establecementos hostaleiros… hainos que xa para agosto estableceron dúas quendas nas comidas co obxectivo de poder dar cobertura a toda a demanda existente, achegarse ata o porto, ata o paseo marítimo, ver cómo están os aparcadoiros, a cantidade de peregrinos (sobre todo estranxeiros, que están a facer o camiño)… houbo moita xente en Ribadeo en xullo e está a chegar moita máis en agosto».
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifestou que «temos que comparar os datos de 2023 cos de 2019, o ano anterior á pandemia, no que o ambiente nocturno na restauración era moi frouxo. A situación mellorou e agardamos que siga mellorando, a pesares das dificultades que moitos negocios tiveron para conseguir persoal para este verán. Todos os locais están tentando dar o mellor de si».
Pérez Prada engade: «Ribadeo ten moito que ofrecer: un comercio que é un referente en toda a contorna, un servizo de restauración no que saborear as exquisiteces do noso mar e da nosa terra a moi bos prezos, hoteis espectaculares… se a iso lle engadimos a riqueza paisaxística e monumental, non se nos ocorre mellor enclave para pasar as vacacións de verán ou calquera fin de semana ou ponte festiva ao longo do ano».