O servizo de bus é a principal novidade desta edición, segundo deron a coñecer o alcalde, Dani Vega; e a concelleira de Turismo, Marta Saiz. O rexedor municipal declarou: «xa chegou a Festa do Percebe, algo que estabamos esperando todos os ribadenses e todos os visitantes. Acudir a Rinlo sempre é unha marabilla, esa vila mariñeira por excelencia e tamén turística que desde o Concello de Ribadeo queremos mellorar e seguir impulsando para atraer a máis visitantes ao noso Rinlo, ao noso de Ribadeo. Dende logo, entre todos seguro que imos poder».
Dani Vega tivo tamén palabras de agradecemento para todas as persoas e colectivos implicados na Festa: «en primeiro lugar, dar as grazas á Confraría de Pescadores e Mariscadoras, tamén aos percebeiros e percebeiras que hai no noso concello, que dende logo están facendo un traballo moi importante, non soamente defender un medio de vida e un sector, senón tamén impulsando unha festa gastronómica como é a Festa do Percebe. Non nos debemos esquecer de que hai que degustar os produtos que dá o noso mar. Nós desde o Concello o que queremos é colaborar e por iso tamén queremos agradecer á asociación O Cantal, por todas as súas ideas e propostas e desde logo, á Xunta de Galicia por reforzar economicamente esta festa. Polo tanto, entre todas as administración e o sector, somos capaces de facer unha festa moi importante».
Entre as novidades deste 2023 está o Percebús, un servizo de transporte público e gratuíto para achegarse o sábado desde Ribadeo a Rinlo: “este ano, hai más actividades e tamén temos o Percebús, un medio de transporte público e gratuíto que o quere é trasladar a todas as persoas á festa. Será o sábado e sairá desde a estación de autobuses a partir das 11 da mañá ata ás 14 horas. Tamén, cando remate a festa terá saída de Rinlo a partir das 20 horas e ata as doce da noite. «Este medio público e este espazo de seguridade no que tamén queremos converter a festa, é unha idea innovadora. É a primeira vez que se fai porque o que queremos é que haxa seguridade nas nosas festas», subliñou Vega.
As actividades da Festa do Percebe arrincarán xa o venres. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, contou que «este fin de semana terá lugar a Festa do Percebe de Rinlo na que a gastronomía é un dos elementos diferenciadores desta pequena vila, na que os produtos do mar teñen enorme peso; sendo o percebe o prato máis característico. Este ano e nesta edición queremos aumentar a programación e así o día anterior, o 4 de agosto, as actividades estarán dirixidas aos máis pequenos da casa, á mocidade e ao conxunto familiar».
A edil ribadense explicou que «neste caso o Concello en colaboración coa asociación de veciños O Cantal inclúe na programación unha serie de iniciativas didácticas como unha obra de teatro a cargo dos Quinquilláns titulada Por que é salgada a auga do mar?, un espectáculo ao aire libre para todos os públicos no que dous científicos exploran teorías sobre salinidades nas augas do mar, recuperando así lendas do mundo mariño».
Saiz engadiu: «tamén contaremos coa actuación musical a cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo acompañada do grupo de teatro Os Quinquilláns No fondo do mar. Con música de fondo da nosa querida Banda Municipal terá lugar un pasarrúas cunha viaxe cara o fondo do mar onde aquelas especies máis descoñecidas: os peixes abisais aqueles que emiten a súa propia luminiscencia, cabaliños do mar, ante os nosos ollos
admirados, peixes de cores… En fin, un espectáculo que animamos e invitamos a contemplar o 4 de agosto na praza de San Pedro en Rinlo».