Rosalía GT: “Non concibo a viaxe interior como autocrítica”

Rosalía GT
photo_camera Rosalía GT

A ribadense Rosalía GT (@rosalia_gt en Instagram) ven de publicar o seu primeiro libro en abril. “Unha pedra no zapato” xa foi presentado en Barcelona, onde reside desde hai catorce anos, e en varios puntos de Galicia como a súa vila natal, A Coruña ou Foz. A rolda continuará este verán coa presenza en feiras do libro na Coruña, Viveiro e Foz.

Cal é o obxectivo marcado con “Unha pedra no zapato”?
­O obxectivo é manter prendida a fogueira da sabedoría comunitaria. Invita a ir cara dentro, pero é unha viaxe de ida e volta, porque busca compartir coas persoas que están fóra e escoitar a outras. Neste libro, convido a parar, realizar a viaxe interior, contactar contigo mesma e reflexionar. Nestes tempos, todo é moi rápido e sempre queremos máis. Cando paramos, as emocións emerxen e non atendemos ao que levamos dentro.

É compatible a autocrítica co canibalismo da sociedade actual?
Eu non concibo a viaxe interior como autocrítica. Cada quen ten unha idea do que significan os conceptos. Para min, a viaxe interior é auto observarse, contemplarse a unha mesma; percibir o que sentimos, o que levamos dentro... De feito, o primeiro capítulo do libro titúlase “Adicción a mellorarse”. Porque tamén hai veces nas que hai moita esixencia de mellorar, porque pensamos que non somos boas de abondo. Eu propoño a auto indagación desde a amabilidade cunha mesma e coas demais.

Libro Unha pedra no zapato, de Rosalía GT
Libro Unha pedra no zapato, de Rosalía GT

No seu sitio web, rosalia-gt.com, defínese como “animal artístico”. Por que escribir un libro?
Sempre escribín. Quizais, para quen non me coñecía tanto, o máis visible en min son as artes escénicas, porque é o habitual nas miñas redes sociais. Pero escribín desde moi pequena. Empecei con poesía, narrativa, contos... O traballo da escritura vese cando publicas ou compartes textos. Publicar facíame ilusión, porque supoñía sacar á luz o contido que levo producindo. Non é o mesmo sacar extractos nas redes sociais que publicar un libro.

A súa editorial é a andaluza Círculo Rojo...
Chamei a moitas portas. As editoriais galegas son as primeiras coas que contactei, porque escribín un libro en galego e buscaba unha editorial galega. É difícil explicar o que pasou e non sei as razóns polas que non foi cara adiante, pero supoño que, por unha parte, ten que ver coas contas, porque quererán facer inversións se estas dan beneficios. E tamén hai temáticas ou xéneros que non é frecuente ver producidos en galego. Creo que “Unha pedra no zapato” é o primeiro libro de auto coñecemento que se publica en galego; non teño constancia de que haxa outros. Non é o máis comercial e investir nel sería algo moi innovador. Repito que non teño a certeza, pero eu son unha persoa moi constante e seguín adiante. Sempre hai obstáculos no camiño e o importante é buscar outras vías. Fixen rutas alternativas e atopei esta editorial.

Que significa o título do libro?
A imaxe da pedra no zapato é moi clara. Ás veces, aínda que a pedra sexa moi pequena, incomoda e; ata que non paras, sacas o zapato e a ves; non podes meter outra vez o pé . É unha referencia ou metáfora aos asuntos tan privados e íntimos cos que cargamos no noso día a día e que facemos o posible por non atender.

Cales asuntos son eses?
Cada quen ten os seus. Unha das cousas fermosas desde libro é que, despois de cada capítulo, hai unhas páxinas en branco para que a lectora conteste desde a súa vivencia. É un libro que fai activa á lectora, porque ela comparte os seus sentires. Para min, os asuntos máis íntimos teñen que ver cos medos varios, como o medo a non sermos amadas. Deste medo nacen o resto das pólas da árbore, como o medo ao abandono. E, por estes medos, chegamos a facer cousas que poden ser nocivas.

No seu libro fala de recoñecerse e abrazarse...
Recoñecerse e abrazarse é un acto de amor propio. Eu recoñézome nas miñas cores, que son diversas, e iso está ligado coa imaxe que creamos de nós, que ás veces é unha creación mental e ríxida. Se eu penso que son simpática, constrúo esa máscara; pero, se insisto, iso non é bo comigo mesma. Se dentro de min desenvolvín esa simpatía é porque tamén teño o oposto. Eu podo ser extravertida, pero iso non pode ser un mandato. A xente pode esperalo, pero eu non son así todos os días.

Comentarios