A responsable de Turismo indicou que «a Concellería de Turismo ofrece un ano máis durante a tempada estival as súas visitas guiadas. Estas distribúense ao longo de toda a semana e ofrécense de forma gratuíta a todas as persoas interesadas, tanto residentes como visitantes. Para poder formar parte delas só se require inscrición previa, que se pode realizar a través da páxina web de Turismo Ribadeo».
Saiz explicou que «as visitas divídense en dous grupos, dependendo da ubicación do percorrido: as que discorren polo casco histórico e as xeolóxicas polo litoral, máis coñecidas como Xeorutas. Entre as primeiras, temos as visitas polo legado indiano e polo casco histórico (Ribadeo Indiano e Ribadeo Ilustrado), as zonas máis visitadas do centro, veranse complementadas pola visita ao Ribadeo Antigo, que percorre parte do trazado da antiga muralla e nos remonta ao período medieval».
A concelleira ribadense seguiu a relatar que «unha vez máis, o grupo de teatro Os Quinquilláns encargarase, xunto co cuarteto de música tradicional Illa Pancha, de guiar á xente interesada todos os xoves ás 20:30 horas, desde a Casa do Concello ata a Atalaia. Pola súa parte, Jesusa da Mariana, deleitará a todas as persoas que queiran coñecer un pouco máis a fondo a historia dos nosos emigrados percorrendo con eles cada domingo pola tarde a ruta indiana. E Fran Canosa, recoñecido xeólogo que colabora dende hai anos coa oficina de turismo, ofrece catro interesantísimas rutas ao longo do litoral do municipio: a Xeoruta dos Pregues, a Xeoruta dos Ollos, a Xeoruta dos Arcos e a Xeoruta da Ría».