Vicepresidencia da Deputación reafírmase no seu apoio ao club de piragüismo de Ribadeo

Fotografía: BNG Ribadeo
photo_camera Fotografía: BNG Ribadeo
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén o seu compromiso co financiamento da reforma e ampliación do hangar de piraguas da praia dos Bloques de Ribadeo.

O vicepresidente e deputado de Deportes, Efrén Castro, confirmou ao portavoz do BNG en Ribadeo, Pablo Vizoso, e ao Club Altrúan, usuario das instalacións, o compromiso da Vicepresidencia da Deputación co financiamento das obras, unha reforma integral do edificio coa que se reforzou a estrutura construtiva, se compartimentou o almacén de piraguas e se instalaron vestiarios.


Efrén Castro explicou que «se trata dun compromiso adquirido co goberno municipal de Ribadeo no pasado mandato, atendendo unha demanda histórica do Club Altruán» e remarcou «que mantemos o compromiso co financiamento destas obras que supuxeron unha renovación total das instalacións, que non contaban con servizos tan básicos como uns vestiarios en boas condicións».


A Vicepresidencia da Deputación de Lugo tamén colaborou co Club Altrúan na adquisición dunha furgoneta multipraza, habilitada para acoplar un remolque, para facilitar o desprazamento de deportitas e embarcacións ás competicións.


O Altruán, que leva máis de 40 anos de actividade ininterrumpida en Ribadeo, conta con medio cento de piragüistas que nos últimos anos colleitaron importantes triunfos a nivel estatal e mesmo europeo; os últimos, as medallas de ouro e prata de Manuela Lastra, Elena Justo e Elena González Rico no Campionato de España Cadete.


Ademais, desenvolve unha intensa actividade na promoción do caiac de mar non competitivo e no fomento de prácticas deportivas inclusivas.

Comentarios