O Club Piragüismo Altruán, que o pasado ano celebraba o seu corenta aniversario, cos recentes éxitos acadados polas súas padexeiras en idade infantil, consolídase como unha das canteiras máis importantes de Galicia. Parte importante do éxito colleitado é dun dos seus adestradores e, ademais, técnico da Federación Galega nos sete clubs da provincia Lugo, Ramón Cabodevila, que destaca o grande esforzo que fai o Altruán para competir: «non é o mellor lugar para facer piragüismo de pista, a propia idiosincrasia da nosa ría, que é todo vento, non nos permite adestrar nas mellores condicións e en igualdade de condicións con outros clubs punteiros da nosa disciplina».
O Altrúan, un club de base que conta cuns corenta deportistas inscritos, está a conquistar numerosas medallas tanto no campionato galego como no nacional. Manuela Lastra, unha das padexeiras que hai unha semana foron recibidas polo Concello de Ribadeo, gañouno todo en categoría infantil: campionato galego de pista, campionato galego de fondo, campionato de España de pista, campionato de España de fondo, campionato galego de K2 e subcampionato de España de K2, os dous últimos formando parella con outra das promesas mariñás deste deporte, Elena González Rico. Cabodevila destaca o esforzo que hai detrás dos éxitos deportivos e o «nivel estratosférico» do piragüismo español: «recólloas na porta do colexio, algún día mesmo merendan e estudan na furgoneta, non queda outra co nivel que hai. É un deporte de alto rendemento, como poden ser a natación ou o ciclismo, e non hai medias tintas. Eu cólloas a partir dos doce anos co obxectivo de formalas en Ribadeo para que despois poidan ir a outros lugares para continuar coa súa progresión». O adestrador pon como exemplo as dificultades que atoparon nos adestramentos previos ao campionato de España: «as cativas só puideron adestrar en pista dous días que fomos a Avilés para que visen como vai. Para o galego, nin iso. Entón sempre van en desventaxa cos clubes que adestran en Verducido en Trasona todas as semanas».
Outro dos grandes piragüistas ribadenses é Nicolás Gayol, que está en idade xuvenil, e na actualidade está concentrado coa selección española na localidade asturiana de Trasona, lugar de adestramento tamén da selección absoluta onde se atopan deportistas do talle de Saúl Craviotto.
Porén, Cabodevila, ten esperanza en que nun futuro se consolide un grupo de adestramento en Galicia, orixe de grandes padexeiros como David Cal, Carlos Pérez Rial “Perucho”, Teresa Portela ou Rodrigo Germade: «o ano próximo fixarase en Pontevedra, baixo o paraugas da Federación Galega, un grupo de traballo sub-20 onde os máis mozos enlazarían alí con grupos de alto rendemento. Queremos centralizalo en Galicia porque consideramos que traballamos moi ben».