Ribadeo realizará investimentos por máis de 2 millóns de euros nos vindeiros meses

Dani Vega compareceu ante os medios e anunciou investimentos por máis de 2 millóns de euros
O alcalde, Dani Vega, subliñou que «Ribadeo é o líder indiscutible do turismo na provincia de Lugo» e anunciou nunha comparecencia ante os medios de comunicación a realización de investimentos por importe de máis de dous millóns de euros ao longo dos vindeiros meses.

O rexedor fixo un balance moi positivo do verán «no que subimos 9 puntos con respecto ao 2022. Ribadeo é o líder indiscutible do turismo na provincia de Lugo». Vega aludiu ás actividades programadas para contribuír á desestacionalización do turismo: Froitos do Mar, que terá lugar o 16 de setembro en Rinlo, e Baños do Mar previstos para os días 23 e 24 de setembro, así como ao Mercado dos Domingos, que seguirá ata mediados do vindeiro mes de outubro. Este domingo, día 17, a xornada estará dedicada ao produto local.


Dani Vega anunciou investimentos por importe de máis de 2.375.000 euros a acometer ao longo dos vindeiros meses. En breve darán comezo as obras nas rúas Manuela Barreiro Pico (215.000 euros), Pipelo (184.000 euros), Forte de San Damián (150.000 euros), a estrada de Noceda a Lexoso (113.000 euros procedentes do Agader) e a reforma do Hospital Asilo (1.600.000 euros). O rexedor indicou que «en outubro darán comezo as obras do asilo, que terán unha duración de 18 meses. É unha obra complexa e difícil porque hai que proceder ao baleirado de todo o inmoble, respectando o seu valor patrimonial». O Concello traballa para conseguir máis financiamento destinado ao equipamento desa reformada instalación.


Ás preguntas dos xornalistas o alcalde asegurou que o novo centro de saúde, que suporá un investimento de 4.000.000 millóns de euros, será construído nos terreos fronte á gasolineira na zona do Xardín. Sobre a ubicación do mercado semanal dos mércores Dani Vega dixo que «agora non toca», pero o equipo de goberno é partidario de que retorne ao entorno da Praza de Abastos. Para adoptar unha decisión ao respecto o rexedor quere manter xuntanzas cos vendedores e vendedoras da Praza de Abastos, cos comercios e hostaleiros da zona e tamén cos vendedores e vendedoras do mercado dos mércores.

O alcalde tamén falou da praia das Catedrais e da necesidade de poñer en marcha un servizo de autobuses lanzadeira «que leven e traian á xente de Ribadeo ás Catedrais e viceversa, porque o que queremos é que os visitantes que acudan ao areal volvan para a nosa vila. Ese é obxectivo». Vega anunciou que de modernizará e unificará toda a sinalización da praia das Catedrais.


O rexedor compareceu acompañado polas concelleiras e concelleiros do goberno municipal.