Axenda cultural
A edil ribadense, Begoña Sanjurjo, manifestou que «a programación de verán do noso concello comezou co Ribadeo Indiano, unha fin de semana chea de cultura e historia que vimos de pasar. Moitas das actividades que imos presentarvos están organizadas por diferentes asociacións ribadenses, a maioría de xente moza, ás que quero agradecer as súas ideas e o seu traballo, e coas que desde o Concello colaboramos gustosamente. Por exemplo, o Vendaval Fest que terá lugar xa o 22 de xullo, organizado pola asociación Catro Caños, e o Xara Fest que será o 2 de setembro, en plenas festas patronais, ten como motor outro grupo de mozos ribadenses».
Seguindo coas propostas musicais, Sanjurjo indicou que «a Banda Municipal de Música de Ribadeo e a Coral Polifónica de Ribadeo, coma todos os veráns, terán un protagonismo especial neste deseño cultural. A Banda ofrecerá o concerto do Día da Patria Galega, do día de San Roque e da Patrona. Tamén o Concerto de Músicas de Cine e participará no Festival de Bandas. A Coral, despois da extraordinaria actuación no Festival de Habaneras, deleitaranos cos concertos da Festa da Virxe do Carme e da Patroa Santa María do Campo, participando tamén como é habitual no Pregón das Festas. A música coral ten dúas importantes achegas neste verán xa que contaremos co Coro EncaixE, formación que en 2018 recibiu o Premio Martín Códax da música ao mellor proxecto vocal. Por outra banda o 30 de setembro actuará na nosa vila o Coro do Hospital de Lugo”. A concelleira de Cultura engadiu que «desde o Concello colaboramos de novo tamén co Festival Bal y Gay, centrado na música clásica e de vocación mariñá e que en 2023 ten como protagonista absoluta a pianista Maria Joao Pires, que ofrecerá dous concertos en Ribadeo. As entradas para estes dous concertos e para o da soprano Rocío Pérez xa están esgotadas excepto unha poucas que se ofrecerán na taquilla eses mesmos días». Sanjurjo subliñou que «merece unha mención especial, a finais de xullo o concerto 100 voltas, de Verónica Codesal, cantante belga-galega que participou en Eurovisión e forma parte dos grupos Urban Trad e Ialma. Nesta cita colabora a Xunta de Galicia igual que nos catro pertencentes a Roock by me, dos que gozaremos os mércores do mes de agosto».
Sanjurjo contou que «o Festival de Cine Curto de Ribadeo, na súa segunda edición, chegará ás salas do Cine de Ribadeo en agosto e celebrará a gala final no teatro contando con MBIRA-DUO como broche de ouro. As Xornadas de Historia Local, xa van pola vixésimo primeira edición da man da agrupación Francisco Lanza, e este ano ocúpanse de analizar o pasado, o presente, o futuro e as perspectivas de aproveitamento do monte ribadense e galego en xeral. E un ano máis teremos Palabras na Varanda, que nesta ocasión recolle textos de Fernández del Riego».
A concelleira seguiu a relatar que «canto ás artes plásticas, a asociación Francisco Lanza xunto coa familia de Xusto Moreda amosarannos en setembro unha retrospectiva da pintura e cerámica do ribadense, falecido hai un ano. Por outra banda, a asociación Amigos da Gaita celebra o seu día grande o primeiro domingo de agosto. A Xira a Santa Cruz e festa da gaita galega conta este ano coa novidade dunha exposición os días previos na oficina de turismo. Será unha mostra arredor da figura do músico e compositor Francisco Landín, autor da Alborada de Ribadeo. A exposición inclúe visitas guiadas con Felipe Rea (previa inscrición).Tamén na sala de exposicións do Campo de San Francisco gozaremos en agosto da exposición de Vicente Prego».
A edil engadiu que «entre as propostas dirixidas ao publico familiar están as actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona en xullo e a Orquestra de Camarote a comezos de setembro. Tamén as que se inclúen na nova edición de Letras no Campo, a feira do libro ribadense que se desenvolverá no Campo de San Francisco do 18 ao 20 de agosto. O último fin de semana de agosto celebraremos o Guateque dos anos 60, organizado pola comisión de festas. Ademais, para chegar relaxados ás festas patronais, o 31 de agosto no auditorio de Cabanela desfrutaremos do concerto minimalista de Arxis Percussion group. E remataremos o mes de setembro cunha función de A Adala, dentro do circuito de teatro afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo».
Campus Econvive
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que «foron medio cento de nenas e de nenos os que puideron gozar da visita de Ángela Salvadores, xogadora profesional de baloncesto, recente campioa da Liga Feminina Endesa co Valencia Basket. Esta rapaza está a realizar adestramentos de pretempada en Ribadeo, antes de incorporarse como nova xogadora do Básket Landes, equipo francés co que xogará a Euroliga. Salvadores xa destacou nas categorías inferiores da Selección Española con importantes actuacións e números de vertixe. Por poñer un exemplo, no 2019 foi elixida no draft da WNBA por Los Angeles Sparks».
Silvent subliñou que «desde o Concello de Ribadeo cremos que a realización destes campus é moi importante debido aos valores que lles transmiten ás nenas e aos nenos. E a posibilidade de compartir unhas horas con xogadoras que son unha referencia, como neste caso, é un aliciente máis. Non podemos esquecernos da promoción que isto supón tamén para Ribadeo».