Polémica entre o Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo polo Punto Lila da Xira

Punto Violeta instalado na Festa do Percebe de Rinlo
photo_camera Punto Violeta instalado na Festa do Percebe de Rinlo

No día de onte o Observatorio da Mariña pola Igualdade denunciaba a xestión «irresponsable» do Punto Lila instalado na Xira de Santa Cruz. Desde a asociación feminista manifestaban que «o que debería ser un espazo seguro converteuse nun divertimento caótico baseado no alcohol». Aínda que valoraban positivamente a existencia do mesmo «porque as festas e as noites non son seguras para nós», din «non poder quedar impasibles ante isto» e descartan que o irregular funcionamento do Punto Lila poida atribuírse «á ignorancia», tratándose, explicaban, dunha «estratexia política»

Ademais, criticaban «o silencio da concelleira de Igualdade ante as queixas das compañeiras, a falta de argumentos da técnica do CIM e a actitude da persoa que estaba á fronte do posto» e esixían «explicacións a esta forma de xestionar o espazo». «Un Punto Lila que durante o día xoga cas nosas liberdades e pola noite desaparece non é unha ferramenta transformadora», conclúen desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade.

No día de hoxe, a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, «rexeitou as críticas vertidas nas últimas horas e subliñou o éxito do Punto Violeta instalado da Xira de Santa Cruz». 

A edil ribadense declarou: «que triste que o Observatorio da Mariña pola Igualdade critique a existencia dos puntos violeta nos diferentes festivais de Ribadeo. En vez de potenciar o seu uso e avisar a todas as mulleres que veñan ás distintas festas que o usen se o necesitan, prefiren desprestixialos». 

Para Sanjurjo «desprestixiar os espazos e ás persoas que os atenden. A concelleira, que son eu, é política e está aí para traballar polo pobo e para recibir críticas, pero non vou consentir que se fale mal das traballadoras, nin da avogada do CIM nin da psicóloga, que estaba atendendo o Punto Violeta e dando información xa sexa a través de papeis, chapas, xogos… Esta persoa aporta tamén seguridade e axuda profesional a toda aquela muller que o requira».

A concelleira de Igualdade indicou que «en ningún momento se potenciou o consumo de alcohol no Punto Violeta da Xira e cando unha muller se achegou a min cunha queixa eu fun ao punto para ver que estaba sucedendo». 

E subliñou que «o Punto Violeta da Xira non se recolleu polas queixas senón porque estaba contratada a psicóloga unhas horas, que correspondían cos concertos da organización. O último concerto retrasou moito o seu comezo polo que xa non había punto violeta mentres tocou Aliboria. Non ía estar aberto na madrugada, xa que é un servizo para as festas do pobo, pero non para o que organice un bar privado».

Begoña Sanjurjo engadiu: «desde o Concello si nos quedamos co éxito do punto violeta, cos parabéns por esta iniciativa que nos transmitiron moitas mulleres de diferentes idades, procedencias e cores políticas e tamén os comentarios positivos de varios homes».