A compositora e organizadora do festival, Carme Rodríguez, explica que esta nova edición xirará sobre os dous mesmos eixos que a pasada. Por unha banda, achegar ao público xeral o mundo da curtametraxe: «acceder ás curtas é máis complicado para o público porque só se moven en festivais, e aquí en Galicia temos moitos, mais fican todos un pouco afastados de Ribadeo». A outra premisa é a de seleccionar traballos relacionados cos cineastas da Mariña e arredores: «apetecíanos poñer en valor a todos os profesionais que traballan no sector aquí na nosa comarca e, en xeral, en Asturias e no resto de Galicia, para amosar eses traballos á nosa xente máis próxima».
Unha novidade respecto á pasada edición será o cambio de formato: «o ano pasado fixéramos unha semifinal e unha final, este ano haberá unha única proxección o xoves, día 10», explica Rodríguez, que indica que na gala final, o sábado 12, tamén haberá sorpresas: «quixemos facer algo diferente e este ano haberá música coa actuación de Mbira-duo, que interpretará varias pezas entre as que se atopan as bandas sonoras das curtas finalistas da primeira edición». Contarán, así mesmo, coa figura do padriño, que será o actor vigués Alejandro Jato.
O ano pasado, a curtametraxe “Una historia azul”, de Mónica Lilac, resultara o traballo más votado e recibira o Premio do Público. Este ano, oito novas curtametraxes, todas recentes, vencelladas coa nosa zona e de xéneros variados, competirán polo premio: “Antes de que se poña o sol”, de Nani Matos; “A Rabia”, de Alberto Díaz; “De(s)amor”, de Alba Pico; “Illa Cordura”, de Mario Fernández Filloy; “Lique”, de Anita Pico; “Nena”, de Xosé A. Touriñán; “Sacrifici”, de Sofía Martell e Lluís Prieto, e “Sandwich Cat”, de David Fidalgo.
En Ribadeo estarán presentes a actriz —gañadora do Premio Goya— Mabel Rivera, que é a protagonista dunha das curtas; e o cómico X. A. Touriñán, que protagoniza e dirixe outra delas. Estes son os nomes máis consolidados nun evento que compartirán cos creadores máis noveis: «o formato da curtametraxe é algo moi interesante porque une as obras dos artistas máis novos cos camiños paralelos de xente que quizais xa coñecemos por outro tipo de traballos», indica Rodríguez.
O Festival de Cine Curto está financiado polo Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia, e conta coa axuda do Hotel Voar e a asociación As vacas fracas, que ademais realizará unha intervención artística previa á gala do sábado.