O XXI Fórum de Innovación e Formación sobre vehículos botou a andar hoxe en Ribadeo

Inauguración do Fórum de APAGA en Ribadeo
Esta mañá deu comezo en Ribadeo o XII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). No acto de inauguración ante os máis de 50 participantes interviron o presidente de Apaga, Álvaro Doural; a xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez; a deputada responsable da Área de Economía da Deputación de Lugo, Mayra García; e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega.  Charlas polas mañás e talleres polas tardes conforman o programa deste Fórum, que se prolongará ata o vindeiro venres, 1 de setembro. 

Doural manifestou que «este Fórum non é soamente un lugar de discusión e reflexión senón tamén unha plataforma de colaboración e intercambio de ideas. Como noutras edicións, quero agradecer a colaboración das institucións públicas aquí representadas e ás firmas privadas tamén as súas achegas tanto na parte económica como de técnicos que participan neste evento».

A nova xefa territorial de Educación, Sagrario Sánchez, subliñou «o incremento na matrícula da FP nun 12%, chegamos a ter máis de 60.000 matriculados, un 75% máis que no ano 2009». E tivo palabras de agradecemento para o profesorado asistente a esta cita en Ribadeo: «mil grazas por todo o voso traballo. Estamos moi agradecidos; que vos vou dicir eu que son profesora e moito ánimo. Para todo o que necesitedes aquí nos tedes».

A responsable da área económica da Deputación de Lugo, Mayra García, felicitou a APAGA pola organización deste XIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos: «xa que ano tras ano é capaz de realizar estas xornadas que son tan interesantes porque o sector automobilístico está sufrindo unha renovación moi importante e por acadar este tipo de xornadas que son tan interesantes tanto a nivel nacional como internacional. Dende a Deputación de Lugo, como sabedes colaboramos, co tecido asociativo tanto a nivel social como profesional  neste caso. E agardamos que aproveitedes moito estas xornadas». 

No Fórum de APAGA participan máis de 50 persoas procedentes de Madrid, Asturias, Zamora, León e de toda Galicia. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, fixo fincapé na necesidade da formarse para acadar un emprego: «el Fórum está creciendo y renovándose. Eso significa que si queremos empleo, estabilidad laboral, crecimiento en los pueblos… tenemos que formarnos. La formación es clave en los próximos años. La formación en automóvil y en otras ramas en las que tenemos carencias. Por lo tanto, si sabemos perfectamente lo que nos exige o nos demanda los próximos años, la formación es clave. Si queremos dar salida laboral a muchas personas, que entiendo que su vocación es el trabajo, la formación es clave».  

Para as 20:30 h de hoxe está prevista unha recepción no Concello de Ribadeo. As charlas e os talleres seguirán ata o vindeiro venres, 1 de setembro. Tamén se celebrará a asemblea anual de APAGA e haberá unha ponencia sobre os proxectos das mobilidades Erasmus a Estonia e Italia e nas que participaron alumnado e profesorado. Os asistentes ao XII Fórum de APAGA gozarán mañá dunha viaxe en barco desde Ribadeo ata a Ría de Abres, onde saborearán unha merenda campestre.