Que supón para vostede ser o pregoeiro das festas patronais?
En primeiro lugar, unha sorpresa. Para min, por suposto é unha honra, pero debo confesar tamén teño moitos nervios porque non é a miña especialidade.
Incluso coa experiencia que ten tanto no ensino como na política?
Iso é certo, pero nada ten que ver. Son tres aspectos totalmente distintos. A ensinanza é o meu, son máis de 30 anos impartindo clase de matemáticas. A política tamén é diferente, analízante, pero doutro xeito. O pregón é algo moi especial para os ribadenses, entón hai que procurar facelo ben, de aí os nervios.
Ten experiencia lendo pregóns ou será a primeira vez? Pode adiantarnos algo do seu contido?
Nada, non teño ningunha, será a primeira e a última vez [ri]. O pregón xa o teño preparado, estou relendo nel e case todos os días lle fago algunha pequena modificación. Non podo adiantar moito, pero fundamentalmente vaise basear en vivencias persoais relacionadas coa vila de Ribadeo e as súas festas patronais.
Como lembra a súa etapa na alcaldía?
Pois lémbroa con satisfacción. Eu estiven oito anos e recórdoa con agrado porque fixemos moito traballo. Falo en plural porque tiñamos un magnífico equipo, cada un dos concelleiros traballou moito e moi ben para mellorar a vida dos ribadenses. Nese sentido, estou moi satisfeito.
Segue a actualidade política? Como ve Ribadeo co paso do tempo?
Levo xa once anos xubilado, estou apegado exclusivamente á vida persoal, como un cidadán máis de Ribadeo. Vexo, observo as cousas que ocorren, pero como unha persoa individual, é dicir, sen ningunha análise política, sen ningunha conexión especial coa política.
Desde esa visión máis persoal, creo que este equipo que acaba de entrar a gobernar ten moitas ganas e, ademais, ten unha grande capacidade de traballo. Teño a esperanza de que se note este cambio no goberno municipal —teño a seguridade de que así vai ser— e que redunde no que debe ser o traballo dun Concello, isto é, mellorar a vida da xente, preocuparse polos seus problemas e xestionar. Eu entendo a política municipal como algo máis relacionado coa xestión que con discusións bizantinas.