Miranda visita en Ribadeo un negocio posto en marcha por dúas galegas retornadas

O secretario de Emigración, Rodríguez Miranda, visitou un negocio en Ribadeo
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, acompañados do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron o negocio de tres veciñas, dúas delas retornadas, desta localidade da Mariña, que puxeron en marcha coas axudas da Secretaría Xeral un proxecto de consumo responsable centrado en doces típicos de países europeos.

A repostería Pan de Limón foi posta en marcha por Isabel e Alicia Gómez Díaz, retornadas de Alemaña e Reino Unido respectivamente, apostando por un proxecto de consumo responsable e sostible baseado na elaboración de produtos ecolóxicos, de proximidade e de tempada, realizados de xeito tradicional e aplicando tamén receitas de países onde estiveron residindo en Europa algo que, segundo Rodríguez Miranda «demostra que o retorno dos galegos do exterior axuda a dinamizar os diferentes sectores económicos aportando novas ideas e, neste caso, cultura gastronómica a Galicia».


Miranda quixo lembrar con esta visita que a liña de axudas está aberta ata o 29 de setembro e que «está a disposición de todos aqueles galegos residentes no exterior que desexen pór en marchar un proxecto empresarial na nosa comunidade». Ademais, puntualizou que «o goberno autonómico ten a disposición a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que, en calquera das cinco sedes que ten en Galicia, serve como apoio para realizar todos os trámites precisos para solicitar esta subvención que parte dos 6.000 euros e, como foi neste caso, pode alcanzar os 10.000 ao verse incrementada con 1.000 se emprende unha muller e de 3.000 se o proxecto se pon en marcha nun concello rural».


O secretario xeral da emigración aproveitou tamén para facer balance desta iniciativa englobada na Estratexia Galicia Retorna indicando que «con estas axudas económicas conseguíronse pór en marcha máis de 700 proxectos cunha inversión que supera os 9 millóns de euros». A maiores salientou, «atopándose en Ribadeo, que o 55% dos solicitantes das axudas emprenderon nun concello rural».

A convocatoria, aberta ata o 29 de setembro, pódese consultar aquí