Dani Vega, alcalde de Ribadeo: «Se podemos, non construiremos o novo Centro de Saúde na parcela que elixiu o BNG»

photo_camera Dani Vega no salón de plenos do Concello cun exemplar do "Sempre en Galiza" de Castelao.
Daniel Vega Pérez (Arante, Ribadeo, 1983) é o novo alcalde de Ribadeo tras acadar unha maioría absoluta arrebatándolle un dos seus principais feudos municipais ao Bloque Nacionalista Galego. Aos 25 anos entrou a militar nas Novas Xeracións do Partido Popular, das que chegou a ser presidente local en Ribadeo, provincial en Lugo e vicepresidente autonómico. No 2016 convértese en deputado no Parlamento de Galicia ata que dimite neste ano para facerse cargo da alcaldía da súa vila. 

Repasando a súa biografía, vexo que estudou no Seminario de Mondoñedo. Que pouso deixou en vostede esa experiencia? 

 

Se teño que destacar algo do meu paso polo Seminario foi a disciplina, a orde e o traballo. Iso é o que queda dese mozo seminarista que sempre tivo unha vocación de servizo. Desde aquel entón nunca a perdín e creo que se incrementou, e máis desde que decidín liderar unha candidatura para as eleccións municipais. Esa vocación de servizo tiña que aplicarse á miña vila. A min sempre me moveu Ribadeo, ese é o meu eixo fundamental na política. Representar aos ribadenses é o máis grande que me puido pasar na miña vida. Cando unha persoa se presenta a unhas eleccións e gaña por maioría absoluta, o agradecemento é profundo. Pasar dunha maioría absoluta a outra é histórico en Ribadeo. Ademais, nunca houbo un alcalde das parroquias, un alcalde que nace no rural ribadense. Dese mozo queda a disciplina, a orde e o traballo. 

 

Do Seminario saíron ilustres galeguistas… como encaixa iso no actual PPdeG?

 

No Seminario hai, efectivamente, un pouso galeguista moi importante. Se hoxe son un profundo galeguista e convencido defensor das autonomías é, en parte, polo meu paso por Mondoñedo. Non só no referente á política, senón tamén na cultura. Eu espertaba naquel tempo con Fuxan os Ventos, con Mini, que despois tiven a inmensa sorte de compartir escano con el no Parlamento de Galicia. Lembro a Don Félix Villares, que era o rector naquela época, un galeguista convencido. Tiñamos a revista “Amencer”, da cal eu mesmo fun director. Todo iso converteume nun galeguista convencido e non nun galeguista de bandeira, senón de feitos. Iso é o que acontence na actualidade, hai moito nacionalista de bandeira, sen principios, dun lado e do outro: os fachas de Vox e os nacionalistas de pouca monta do BNG. 

 

Fixo un traballo na oposición e unha campaña á vella usanza. Está de acordo?

 

É a única maneira de gañar unhas eleccións, cos inventos non se chega a ningures. A política á vella usanza, do porta a porta, do contacto directo coas persoas, é a que dá resultados. Coas publicacións das redes sociais só chegas a un determinado espectro da sociedade. O contacto persoal conecta coa xente maior e cos máis novos, na vila e no rural. Coas redes sociais só se coñece unha parte de ti, pero cando te coñecen persoalmente, as persoas saben como es realmente. Esa é a política que debe facer o noso partido. 

 

Sorprendeulle a maioría absoluta ou era un escenario que contemplaban?

 

Durante estes catro anos houbo momentos moi difíciles, ataques persoais graves…Iso faiche pensar se estás disposto a soportar todo iso. Eu tiña moi claro que Ribadeo precisaba un cambio, que a sociedade o demandaba. Tamén é verdade que ao Partido Popular pedíaselle moita seriedade, esixíaselle moita responsabilidade. Detectamos iso e soubemos conectar coa xente. Tiña a intuición que íamos conseguir esa maioría absoluta. Pouco a pouco fomos crecendo e abrindo o equipo. Cando un equipo é gañador teno moito máis fácil á hora de elaborar a súa estrutura de partido ou a súa candidatura. E a min foime moi fácil, sinceramente. Gardamos moi ben os tempos e estou orgullosísimo do meu equipo. 

 

Como están a ser as primeiras semanas como alcalde? 

 

Están a ser interesantes. Hai moito traballo, desde a planificación a longo prazo ata o día a día. Comezamos co plan de limpieza, era o primeiro que tiñamos que facer porque Ribadeo non estaba en condicións óptimas para recibir xente. Por exemplo, non había un baldeo de contedores e agora, con fondos propios e persoal propio, ímolo facer. Había que ter planificado o baldeo, a recollida de cartón… non sei como o anterior goberno non o tiña planificado. Se temos que destacar as licitacións, por orde orzamentaria, serían a auga, o SAF e a limpeza. Son temas moi importantes. Estamos traballando en proxectos de medioambiente, Camiño de Santiago, rehabilitación de edificios… Ata os propios funcionarios, que levan moito tempo no Concello, se sorprenden da rapidez, da inmediatez, da maneira de actuar que temos. Con toda a humildade, estamos a facelo ben e agardo que a oposición se sume ao traballo. 

 

Como é chegar a un lugar no que outra forza política estivo instalada durante 16 anos?

 

Eu non son para nada revisionista, o que si que digo é que as cousas podían estar moito mellor. Creo que había un deixamento, aínda que penso que houbo anos bos do BNG en Ribadeo, falo da primeira lexislatura en solitario e da segunda. A partir de aí, o veleno absoluto foron os dez concelleiros, acomodáronse. Só hai que observar como as instalacións están abandonadas; as áreas recreativas en mal estado; non houbo ningunha xestión exterior, é dicir, non había unha relación coas administración para que foran proclives aos investimentos; non había ningún tipo de planificación etc. Non pode ser que un goberno entre e nun mes teña que planificar cinco licitacións. E teño que dicir que o traspaso de poderes foi nulo, eu convoquei ao BNG a unha xuntanza e dixeron que si. Aínda estou agardando a chamada. O impacto do resultado electoral foi tal que os deixou anulados, divididos e esnaquizados. Mais isto non é óbice para facer as cousas así, non é elegante, non é democrático e non é responsable. 

 

Como está o asunto do novo Centro de Saúde, algo que estivo no centro do debate durante a campaña?

 

Imos comezar moi pronto as obras do Hospital Asilo. É unha noticia marabillosa e estamos a traballar a nivel burocrático cos permisos e seguramente teremos boas noticias no referente aos orzamentos. O Centro de Saúde é outra obra importantísima e no día de mañá manteremos unha xuntanza coa Consellería para planificar cales serán os seguintes pasos. E ademais, xa estamos traballando na construción dos aparcadoiros, outro dos temas que no noso programa diciamos que era fundamental. Canto aos terreos do Centro de Saúde, se podemos mellorar a ubicación, farémolo. Pero os compromisos que tiña o goberno non podemos cambialos. Nunca foi a nosa decisión situalo aí, a xestión si, pero non ubicalo aí. E se nós temos capacidade de manobra para poder modificalo, farémolo. 

 

Onte sóubose que a ocupación hoteleira roldou o 90% no mes de xullo. Como está sendo o verán para Ribadeo?

 

Sería absurdo dicir que grazas a nós o verán foi estupendo. Houbo cousas que se fixeron ben. Houbo unha gran planificación turística ao longo dos anos. Practicamente todos os gobernos deixaron a súa pegada: a promoción exterior, a divulgación e o Ribadeo Indiano foron tres fitos importantísimos. A pequena achega deste goberno nun tempo récord é o Ribadeo dos festivais. Sempre en colaboración con todas as asociacións que impulsan proxectos como o Vendaval Fest, o Xara Fest, o Pancha Fest ou o Festival de Cine Curto; que son os verdadeiros donos da titularidade de cada iniciativa. O Ribadeo dos festivais vai abrir a vila a outra dimensión cultural. Os datos son moi positivos. As pernoctas aumentaron en 9 puntos. Máis do 30% de todas as persoas que pasan pola Oficina de Consumo quedan en Ribadeo. Estamos a medrar e facendo as cousas ben. Hai un turismo organizado, hai un turismo de eventos, hai un turismo guiado, pedagóxico, temos o Camiño de Santiago…

 

Como valora os resultados das eleccións xerais en Ribadeo e en toda Galicia?

 

Ribadeo volveu a dar unha lección. Un resultado moi positivo, son cento e pico votos máis que nas municipais. Hai un claro gañador, que é Alberto Núñez Feijóo. Depois hai uns partidos que non gañaron e que se xuntan para gobernar. Non hai que dicir que é un goberno ilexítimo. Dicíao moi ben Churchill: “o que gaña as eleccións é o que goberna ao día seguinte”. Polo tanto, se Pedro Sánchez ten o suficiente apoio parlamentario, será presidente. Pero o gañador das eleccións é Feijóo, nun escenario moi complexo sube 47 deputados. Un partido que era residual, quee estaba dividido, non se lle pode pedir máis. E a nivel galego, o presidente Rueda arrasou demostrando que está marcando a súa liña, que é un presidente cercano, un presidente que está ao tanto dos problemas reais, que xestiona o máis grande e, á vez, acaba o día no máis pequeniño. No seu curto mandato, visitou Ribadeo seis veces. É un amante de Ribadeo.

 

E hai un claro perdedor, que é o Partido Socialista. O PSOE desaparece. Ese señor que aparecía por Lugo presentándose como o gran líder entendo que será cesado porque tivo o peor resultado da súa historia. E o Bloque Nacionalista Galego que din que subiu, como non subira unhas décimas de febre non sei que subiría.