Acisa e Concello de Ribadeo manteñen unha xuntanza de traballo

Acisa e Concello de Ribadeo mantiveron unha xuntanza no Pazo de Ibáñez na que analizaron, entre outros temas, as vindeiras campañas e actividades nas que están a traballar e que se desenvolverán en Ribadeo ata finais de ano.

No encontro participaron por parte do Concello o alcalde, Dani Vega, e as concelleiras de Comercio e Cultura, Marta Saiz e Begoña Sanjurjo, e por parte de Acisa a presidenta, Carmen Cruzado, a tesoureira, Manoli Torviso, e o xerente, Jesús Pérez


Un dos asuntos abordados foi a necesidade de ampliar a rede de telefonía móbil no municipio «debido a que no verán coa chegada de milleiros de turistas á nosa vila o servizo queda escaso. Varias asociadas e asociados puxéronse en contacto con nós para facernos chegar as dificultades que isto lles ocasionou en momentos puntuais en xullo e agosto para poder, por exemplo, cobrar con tarxeta», explican desde a directiva de Acisa. E indican que «o turismo en Ribadeo vai a máis e debemos estar preparados para a vindeira Semana Santa e sobre todo para o verán, co fin de ofrecerlles os mellores servizos ás nosas empresas, á nosa veciñanza e tamén ás persoas que nos visitan». 


Desde Acisa tamén inciden na necesidade «de mellorar a cobertura de telefonía móbil dalgunhas compañías, que está a ocasionar problemas en varias zonas de Ribadeo». 


Na xuntanza tamén se deu traslado ao Concello das queixas dos socios sobre a presenza de excrementos e ouriños das mascotas nas rúas: «consideramos necesario concienciar á veciñanza para mellorar todo isto e ofrecer a mellor imaxe posible de Ribadeo. A limpeza é cousa de todas e de todos nos». 


Acisa e Concello seguirán a colaborar conxuntamente para dinamizar a economía local coas campañas e iniciativas que se desenvolverán ata finais de ano e que culminarán co Nadal.