Fabián Pérez Rego (Ribadeo, 1993) é un apaixonado de Galicia e especialmente da súa vila, Ribadeo. Estudou Xornalismo e Ciencias Políticas na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Ten experiencia en diversos medios de comunicación como a Cadena Ser e Mediaset e desde hai un tempo traballa como coordinador da mesa de redacción e reporteiro no programa Todo es Mentira de Cuatro, presentado por Risto Mejide.
Aínda que leva uns anos fóra non perde de vista as súas raíces e, sempre que o traballo llo permite, volve a Ribadeo. Para el é fundamental saciar esa necesidade que moitos mariñáns teñen de sentir preto o mar e o nordés do Cantábrico. «Esa sensación é sinónimo de fogar», admite o xornalista.
Para cando unha reportaxe sobre Ribadeo con Risto?
Sería marabilloso. Fainos falla un detonante ou, como se di na televisión, unha "percha" para falar de Ribadeo. E non é porque Ribadeo non teña perchas, ten a moreas! O que hai é que facelas cadrar coa actualidade política, que é ao que se dedica o programa no que ambos dous traballamos. Así é máis complexo, pero eu non renuncio á idea.
Teño entendido que ten orixes galegas, non?
Efectivamente. O propio Risto contoume que o seu avó foi un emigrante natural de Padrón que se estableceu en Cataluña na primeira metade do século XX. Pero non só iso: resulta que, por mor do franquismo, a súa familia tivo que castelanizar o apelido. É dicir: "Mejide"orixinalmente era "Meixide". Imaxinas que fose coñecido coma Risto Meixide e non "Mejide"? Seguro que habería menos problemas que para dicir Sanxenxo...
Entendo que no programa xa saiu o nome de Ribadeo asociado ao caso do Pequeno Nicolás…
O nome de Ribadeo saíu varias veces. Por suposto, o caso do Pequeno Nicolás foi unha das historias que máis minutos permitiu falar da nosa vila. Pero recordo, tamén, amosar Ribadeo cada vez que fago reportaxes en Fitur; falar de Ribadeo e A Mariña durante o peche perimetral da campaña electoral autonómica de 2020 ou das protestas de Alcoa nas inmediacións da Ponte dos Santos. E, por suposto, o que máis minutos xerou foi o famoso pregón das festas de 2019 que Mariano Rajoy non me enviou...
Sempre digo que son, a moita honra, un traballador sen soldo da Oficina de Turismo de Ribadeo
Como xornalista, que noticia che gustaría dar sobre o teu concello?
Podería escoller moitas, pero penso que a que máis feliz me faría sería contar en directo que Ribadeo é a primeira vila sen paro de toda España.
Poderíase dicir que es un "embaixador" da Mariña en Madrid. Que supón isto para ti?
Un orgullo inmenso. Sempre digo que son, a moita honra, un traballador sen soldo da Oficina de Turismo. Hai moita xente que, cando lle preguntan, di "eu son de Ourense" pero, despois, durante a conversa acaban confesando que realmente son de Allariz e que optaron por dicir a provincia por medo a que o interlocutor non ubicase a localidade. Eu vou pola vida dicindo que son de Ribadeo e sorprenderíaste da cantidade de xente que estivo, coñece ou oíu falar da nosa vila ou da nosa comarca. Dito doutro xeito: non só eu son consciente de que proveño dun lugar macanudo: é que a xente sabe que o meu lugar de orixe é un paraíso. Síntome un privilexiado.
En xaneiro deste ano presentaches "Experiencias en Ribadeo" na Casa de Galicia en Madrid. Como foi?
Pois, valla a redundancia, toda unha experiencia. Cando me encomendan este tipo de traballos, procuro documentarme e informarme para ter un coñecemento amplo sobre o que vou a falar e, así, achegar o meu granciño de area nos contidos. Por iso, presentar un evento destas características nun lugar como a Casa de Galicia en Madrid non ten parangón. O salón estaba cheo e puidemos contar cunha presenza institucional moi importante (deputados nacionais, autonómicos, representantes da Xunta, da Mariña, do Concello de Ribadeo e ata do de Madrid). Repetiría encantado, sobre todo por ter a oportunidade de promocionar Ribadeo unha vez máis.
Ademais, hai pouco coordinaches o I Think Tank da Confederación de Empresarios Lucenses (CEL) e Xunta para reflexionar sobre o futuro do sector turístico na Mariña. Como foi a experiencia? Como ves o futuro do sector?
Foi un evento de gran utilidade e reclamo. A nivel persoal, pareceume moi construtivo compartir escenario con profesionais do sector con historias diversas, medos, propostas, ideas e, sobre todo, moita gana de traballar.
Ao final, un pode pechar os ollos e negar o evidente ou recoñecer a realidade: A Mariña e Ribadeo teñen, coma a meirande parte do país, unha industria no turismo. Ao sector véxolle un futuro con moitos desafíos por diante pero que me resulta moi interesante. Explícome: coa etapa de turismo de sol e praia, edificios mastodónticos e pulseiriñas de “todo incluído” xa superada, A Mariña debe atopar o punto exacto en que combinar o mar (que non o pechan de setembro a xuño) coa sostibilidade; o verán co inverno; o turista que vén só ou en familia cos grandes grupos. Nun mercado cada vez máis especializado, non especializarse é condenarse ao fracaso. É apaixonante.
Volvendo a ese 2019 onde fuches pregoeiro na túa vila natal. Moita responsabilidade?
Moito orgullo, sen dúbida. Desde o primeiro momento tiven claro dúas cousas. A primeira: que, como nunca estivera nun pregón, tiña que facer o que me dese a gana. E, en segundo lugar, aproveitar a miña condición de rapaz —segundo Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, son o pregoeiro máis novo da historia da vila— para interpelar á mocidade que se achegou a escoitarme. Quería miralos á cara, dicirlles que os seus soños non son menos realizables que os dos demais e que fixeran do seu inconformismo o combustible da súa perseveranza para acadar os seus obxectivos. Oxalá ese “récord” de pregoeiro máis novo sexa superado pronto.
Finalmente seguiches o consello de Mariano Rajoy naquel video que se fixo viral?
Realmente, o expresidente do goberno o que fixo foi comprometerse a enviarme o texto para aforrarme traballo. O que pasa é que non debeu quedar ben coa dirección, porque nunca me chegou nada. Aínda así, teño que romper unha lanza ao seu favor e confesar que, cada vez que me ve, sabe que son "o do pregón de Ribadeo". Algunha vez, a posteriori, temos falado do tema.
Que recomendas visitar en Ribadeo? Cal é o teu recuncho favorito da Mariña?
Eu recoméndoo absolutamente todo. No meu ordenador teño un ficheiro con lugares de interese que visitar en Ribadeo. Está todo ordenado. Turismo de praias, de sendeirismo, urbanita... ata teño unha listaxe de restaurantes clasificado por tipos de comida que comparto con todo aquel que me pregunte, que non son poucos.
O meu recuncho favorito da Mariña, de Galicia, de España e do mundo é Ribadeo.
Un prato, unha praia e unha festa que nunca decepcionan…
Unha ración de polbo á feira, o areal Illas-Os Castros coa marea baixa e o Ribadeo Indiano ou a Patroa, sen dúbida.
Que palabras asociarías ás túas raíces ribadenses?
Pequenín, meu rei.
Así era como me chamaban os meus pais cando era un cativo. Xamais o esquecerei. Nin tampouco de onde veño.