A profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra presentou unha contribución sobre as amizades e as redes colaborativas do galeguismo cultural a través dos epistolarios na que reflexiona sobre a intimidade emocional que don Paco e os seus amigos varóns se manifestaban nos anos da resistencia a través das cartas, lonxe do tópico da masculinidade da época. No mesmo foro, o académico correspondente Ramón Nicolás deitou luz sobre unha novela inédita de Del Riego que constitúe unha autoficción sobre os primeiros anos da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella, con interesantes reflexións non incluídas nos seus libros de memorias.
A correspondencia cun dos seus grandes amigos, Ramón Otero Pedrayo, foi o eixe da intervención da investigadora Patricia Arias Chachero; mentres que as cartas con Rodrigues Lapa serviron de sostén da análise de conexión portuguesa do homenaxeado para a contribución do académico Henrique Monteagudo, director do curso coorganizado pola Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá co apoio da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.
A paisaxe na obra de Fernández del Riego foi tamén motivo de análise da man da académica de número María López Sández; a profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia falou da traxectoria vital do homenaxeado en Vigo, onde alén da actividade cultural chegou a ser presidente da mesa de negociacións entre a patronal e os traballadores de Citroën; e o director da Penzol, Xosé Manuel Soutullo, detívose no seu labor nesta institución, na editorial Galaxia e na revista Grial. O programa concluíu cunha mesa redonda sobre a Xeración Galaxia cos profesores da USC Xosé Luís Pastoriza e Álex Nogueira e mais o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.