Funk, soul, folk e hip hop no Vrao de Foz

Presentación en Foz do Festival Vrao Sons Independentes. Grande Amore, Boyanka Kostova. Malandrómeda.
O pasado venres tivo lugar a presentación, no Cenima de Foz, da segunda edición do festival Vrao Sons Independentes, que se celebrará o sábado 12 na praza Conde de Fontao da vila mariñá. 

Despois dunha exitosa primeira edición con nomes como Ortiga ou Familia Caamagno, o Vrao Sons Independentes chega cargado de funk, soul, folk e hip hop da man de artistas como Sabela King and the Heartbreakers, Boyanka Kostova, NingúnDJ, Malandrómeda ou Grande Amore. O promotor do festival focego, Antonio Paz, afirmou que «cremos que este formato de festival chegou para quedar e proba diso é o apoio institucional recibido por parte principalmente do Concello de Foz, a Deputación de Lugo e a ACIA; e desde a organización non podemos estar máis agradecidos a estas institucións por permitirmos seguir promocionando a cultura musical realizada na nosa terra». 

 

Un Vrao que se insire dentro da programación das festas do San Lourenzo e da axenda cultural estival, sobre a cal o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacaba a súa gran variedade: «estamos a falar de todo tipo de actividades, probas deportivas, actuacións de grupos tradicionais, festas patronais, cultura, festivais… Na rúa felicítannos pola variedade e a calidade da programación, que é moi completa. Isto hai que compatibilizalo co descanso porque queremos que Foz continúe medrando e siga a converterse no gran referente da nosa comarca. Quero agradecer á Deputación de Lugo o gran apoio económico que nos está a prestar para promover a música local a través do festival Vrao. Dicir Vrao é dicir Foz». 

 

Na presentación participaron tamén o concelleiro de Festas, Ángel Fernández; a edil de Xuventude, Zoraida Coira; a deputada provincial Marisol Morandeira; e a xerente do Centro Comercial Aberto de Foz, Ana Segade. Foi, xustamente, a deputada de Muller e Igualdade a que fixo referencia ao ecléctico do cartel dun festival que «convertirá a Foz e á comarca da Mariña no epicentro da mellor música galega o vindeiro 12 de agosto, reunindo a bandas e artistas dos máis variados estilos musicais». Ademais, destacou a achega económica de 15.000 euros por parte da administración provincial: «Facémolo porque é un festival que enriquece a oferta cultural da nosa provincia cunha proposta moi atractiva que potencia o talento galego; porque esta proposta ten un retorno económico importante para Foz e para a comarca en sectores como o da hostalería e o comercio, que son fundamentais; e porque favorece o modelo de turismo de calidade e de experiencias polo que traballamos desde a Deputación, e que comparte o propio Concello e a Mancomunidade de Municipios da Mariña». Por último, felicitou ao rexedor municipal por ter recuperado o ano pasado unha cita tan importante do verán focego, reiventándoa e dándolle unha nova visión.