Xara Fest: «Queremos devolverlle á nosa zona todo o que nos fixo ser como somos»

Alberto González Díaz, Alejandro López Peña, Mario González García e Javier López del Río son os catro mozos ribadenses detrás do Xara Fest, o festival de música underground que se celebrará o vindeiro 2 de setembro, sábado, no Cantón dos Moreno.

Pese á súa xuventude, comezaron hai anos a organizar batallas de rap coa asociación A Mariña Battles: «comezamos coas batallas, fixemos unhas seis ou sete entre 2018 e 2019. Ao principio era todo moi modesto. Nós faciamos rap e non tiñamos onde facelo porque para todo tiñas que desprazarte ou a Xixón ou a Santiago, na zona non había nada. Con 15 ou 16 anos decidimos montar nós algo e xa na primeira edición xuntamos unhas 100 persoas. A nosa canle de YouTube foi tendo visitas, acadando 1.100 subscritores e aproxidamente 300.000 visualizacións. Cada vez que organizabamos algo viña xente de moitos sitios: da Veiga, de Castropol, de Tapia, de Xixón, de Oviedo ou da Coruña. Nas últimas edicións, en Cabanela, xuntabamos unhas 300 persoas», explican. Foi nunha desas edicións cando pasou por Ribadeo o que a día de hoxe é un dos máis recoñecidos freestylers españois, Gazir. Para eles, o festival foi o seguinte paso dunha evolución natural: «comezamos a estar cansos das batallas, deixamos de consumilas, deixamos de rapear, mais seguiamos con ganas de organizar cousas e así xurdiu a idea do festival. Antes da pandemia xa lle estabamos a dar voltas, mais non puido ser. Ademais, eramos case todos menores de idade e todo era máis complexo», indican. 

 

Canto ao cartel, destacan os nomes de Ergo Pro & Ill Pekeño, Selecta ou os galegos Boyanka Kostova: «o que máis nos gusta é a escena underground que hai agora mesmo en España. Son artistas que non soan na radio, mais que teñen moito público. Estase a crear unha industria que permite que os artistas xiren». Os cabezas de cartel desta primeira edición serán os rapeiros do sur de Madrid Ergo Pro & Ill Pekeño, conciencia de clase e moito barrio: «teñen un concerto moi potente, moi animado. Aínda que teñen perfís de Spotify separados —cada un deles suma 300.000 oíntes mensuais— sempre van xuntos. Foi o primeiro nome que saíu, a verdade é que nese sentido tivemos sorte». O galego tamén estará presente no Xara da man de Boyanka Kostova, ou o que é o mesmo, Cibrán García e Chicho, pioneiros do trap galego: «dentro da proposta menos mainstream en Galicia, pareceunos a aposta máis acertada e interesante. Son un grupo que escoitamos no día a día. Mesturar folclore con trap e con música eléctronica representa tamén un pouco a estética do festival, a combinación da tradición co novo. A cultura popular coa modernidade. Ademais, é un grupo para todos os públicos. Son tamén uns artistas que se separan do que se fai en Galicia habitualmente, que é un rap máis político». De Selecta destacan que «é un productor moi recoñecido que está a deixar de estar na sombra para crear a súa propia imaxe. Ademais, nas súas recentes Motorseries colabora con moitos artistas como Natos, We$t Dubai, Easy S ou o propio Ill Pekeño. É moi interesante porque é unha forma de traer a todo o panorama cun só artista». A aliñación complétase co trapeiro galego C Mirazo. 

 

Aínda que será a primeira edición, as previsións dos organizadores son moi positivas: «tennos falado xente de Andalucía por Instagram para preguntarnos pola dispoñibilidade de hoteis para esas datas. Calculamos que veñan máis de 2.000 persoas. Ademais, salientan a gratuidade do festival: «por agora será de balde, se podemos seguirá a ser así. É o primeiro, así que está ben para mostrar o que podemos facer, para darnos a coñecer».

Camiseta retro e vídeo viral 

Se hai algo que traballan ben os rapaces do Xara son as redes sociais. Desde a súa planificada estética ata a mestura de cultura popular e a tradición co máis novo: unha lata de sardiñas, a carta dun restaurante, a portada dunha revista de pesca ou unha Game Boy Color, os seus perfís nas redes son, por si mesmos, pezas artísticas. Nesa mesma liña, nas súas contas de TikTok e de Instagram compartiron un vídeo —que axiña se viralizou— no que saen a avoa dun dos organizadores xunto a unha amiga facendo unha promoción das camisetas de fútbol retro do festival. Uns polos deseñados pola marca galega Zico ao máis puro estilo Boyanka.

@xarafest ÚLTIMO DÍA PARA PEDIR A TÚA CAMI DO XARA C.F.👕⚽️🦈 #galicia #galego #galegosnotiktok #galegosdominandotiktok #digochoeu #tvg #luar #abuelasdetiktok #abuelas #galiciacalidade #galiciatiktok #galiza #galizacalidade ♬ sonido original - XARA FEST

 

No referido aos horarios, explican que «o festival comezará ás 20 h, mais imos tentar crear ambiente durante todo o día. Teremos un mercado con postos nos que haberá roupa de marcas independentes, tamén venderemos as nosas camisetas e merchandising dos artistas que veñen». Ademais, agradecen a colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. E tamén de negocios como A Cofradía de Rinlo, El Risón de Castropol e o Barallocas. Javier, Mario, Alejandro e Alberto, porén, xa están pensando na vindeira edición: «nada máis rematar, tomaremos un par de semanas de descanso e poñerémonos a traballar xa». En definitiva, un novo festival que, da man da mocidade ribadense, chega para ficar. Como eles mesmos manifestan nas súas redes: «O Xara Fest nace co obxectivo de crear cultura e prover dun lecer alternativo que ten pouca presenza na oferta da zona a pesar da súa relevancia. Como rapaces criados na Mariña Lucense e o occidente asturiano, démonos conta do potencial destes lugares cando empezamos a vivir en núcleos poboacionais maiores, onde este tipo de ocio ten moita máis cabida pero o escenario tampouco é mellor. Por iso, desde o amor e o altruísmo, queremos devolver á nosa zona todo o que nos fixo ser como somos, e que as novas xeracións poidan desfrutalo. O eixo central? A música, pero rodeada daquilo que a acompaña e a fai latente na xente nova».