Está a ser un verán de récords para o turismo na Mariña. Que balance fai da tempada estival en Burela?
Balance positivo que invita a reflexionar sobre como queremos medrar neste sentido. A Mariña é un entorno natural marabilloso e neste momento cun clima envexable. Burela é unha vila que precisa dun plan de turismo sostible. Estamos a tempo de traballar sobre o modelo de turismo que queremos e precisamos para a nosa vila.
Hai pouco celebráronse dúas citas comerciais e gastronómicas moi importantes en Burela, como son Produart e a Feira do Bonito… que impacto teñen?
A Feira do Bonito e Produart son dous eventos consolidados e moi preciados tanto para os nosos veciños e veciñas como para os visitantes. O impacto económico e social que teñen na vila está medrando exponencialmente e este verán puidemos comprobalo máis que nunca a través dos datos dos hoteis, hostalaría, comercio local e número de visitantes ao Barco Museo, por exemplo.
Ademais, este ano, contaron coa presenza do chef Martín Berasategui…
Martín e o seu garrote! Ese esforzo, constancia e entusiasmo que el demostra no seu traballo e traslada aos nosos produtos estrela como poden ser a pescada e o bonito do norte. Unha xornada moi motivadora a que tivemos xunto a el.
O Osa o Mar é unha aposta forte e firme para o Concello de Burela. Sinto moito orgullo desde sempre como veciña e agora como alcaldesa das persoas que empurran para sacar adiante proxectos como o deste festival a través do tecido asociativo
E agora chega outro dos pratos fortes, o Osa do Mar. Que supón para Burela o festival?
O Osa o Mar é unha aposta forte e firme para o Concello de Burela. Sinto moito orgullo desde sempre como veciña e agora como alcaldesa das persoas que empurran para sacar adiante proxectos como o deste festival a través do tecido asociativo, e sempre teñen e deben ir da man das administracións públicas, traballando en equipo. Este festival supón unha cita en Burela consolidada e que cada ano medra e se fai máis atractiva, co obxectivo de achegar a música e a experiencia de desfrutala en directo para as persoas da nosa contorna. Ter o nivel do cartaz deste ano na Praza do Concello de Burela xa o di todo. Un cartaz paritario, no que se seguirá escoitando moito galego e que continúa apostando polas bandas emerxentes. Todo un orgullo.
Outro os referentes é o club de fútbol sala, levando o nome da Mariña por todo o Estado...
As guerreiras e os pícaros do club de fútbol sala provocan un sentimento de agradecemento e orgullo continuado. Cómo é posible que un pobo tan pequeno teña un equipo tan grande? Iso se preguntan moitos e moitas... pero Burela é así, se por algo somos coñecidos é por ser traballadoras e traballadoras, e está claro que o resultado vén de traballar, de ser constantes e de non renderse nunca.