40 anos de promoción do folclore en San Miguel de Reinante

Na tarde de onte presentouse na Praza de San Marcos o XL Festival Folclórico Internacional do Emigrante, que se celebrará o 5 de agosto en San Miguel de Reinante, en Barreiros,  e que conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Daniel García; a deputada de Cultura, Iria Castro; a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; e integrantes de O Arco da Vella participaron no acto de presentación no que a formación barreirense ofreceu media hora de actuación, que sorprendeu a lucenses e visitantes que paseaban pola rúa San Marcos.

 

A Asociación Folclórica O Arco da Vella, organizadora do evento xunto co Concello de Barreiros; Ensemble Nicola Tesla de Belgrado (Serbia); e o Grupo Danses El Raval de Vila-Real (Castellón) actuarán nesta mostra internacional que  é un referente festivo e cultural para a veciñanza de Barreiros e da comarca e que conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Galego

 

Daniel García agradeceu a xenerosidade das persoas que integran O Arco da Vella e recoñeceu «o traballo desinteresado e o esforzo diario por manter vivas as nosas tradicións, apostando por fomentalas entre as crianzas» e «o sentimento de pobo que levades dentro». Valorou así mesmo «a aposta que desde o Concello de Barreiros se ven facendo desde o 2019 por darlle o impulso necesario ao festival, complementado nesta edición co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que mostran así o seu compromiso coas asociación».

 

Nese senso, Ana Ermida incidiu na importancia «da coordinación e a colaboración entre todas as partes para organizar e seguir impulsando o Festival» e valorou o apoio institucional como «unha forma poñer en valor a autoorganización do pobo, o asociacionismo e darlle o protagonismo á hora de actuar como altofalantes das iniciativas sociais do pobo».  Destacou a orixe e o espíritu co que se celebra o Festival, que traslada «o orgullo de pertenza a unha terra que trata en pé de igualdade a outros pobos do mundo, polos que galegas e galegos nos vimos na obriga de camiñar».

 

Ademais, o director do Arco da Vella, Enrique Penabad, explicou que chegar a corenta edición é «un motivo de satisfacción e sobre todo de motivación para a propia agrupación». «Vivimos case todo o ano en función deste día. Ese día no que podemos expresar o traballo de todo o ano, das clases, do que fomos aprendendo en todos os sitios e poder mostrarlle a esas 1.500, 2.000 persoas que asisten habitualmente ao festival, o que é o folclore do mundo, pero sobre todo que segue viva a tradición do folclore galego. Empezamos cun lema no ano 80, “Defendamos o noso folclore” e a día de hoxe, pensando no Festival do Emigrante, está tamén presente. Sigamos nesa liña e entre todos, defendamos o noso folclore», concluíu.

 

Catro décadas en defensa do folclore

 

O Festival do Emigrante naceu por iniciativa da Asociación Folclórica O Arco da Vella de San Miguel de Reinante, como unha plataforma para presentar a formación e o folclore galego ás persoas que emigraran a Europa e que no mes de agosto volvían á casa a pasar as vacacións.

Nas primeiras edicións, o festival contaba coa participación de agrupacións folclóricas da comarca, para logo ir medrando e albergar un escenario que, nas últimas edicións, acolle grupos do resto do Estado e internacionais. A organización do Festival propicia tamén intercambios que levan á agrupación de Barreiros a difundir o folclore galego con actuacións fóra de Galiza.

A Asociación Folclórica O Arco da Vella conta na actualidade conta con máis de 30 compoñentes no seu grupo titular e máis de 40 alumnas e alumnos nas súas escolas.