Ana Ermida: «Non queremos hipotecar a vixilancia das praias por unha bandeira azul»

Como cada verán, as praias de Barreiros recibirán milleiros de visitantes. Moitos concellos costeiros enfróntanse nestas datas con dificultades á hora de contratar persoal para o servizo de salvamento. Neste sentido, a alcaldesa do municipio, Ana Ermida, sinalou: «os criterios endurecéronse moitísimo, cada vez hai menos persoas que estean habilitadas para exercer como socorristas en Galicia». É un problema recorrente pero que se agravou co tempo, pois «hai dous anos podíase completar o servizo con persoas de información e auxiliares, pero despois iso tamén se normativizou limitando a contratación de persoal auxiliar en relación ao número de socorristas, por cada dous socorristas pódese contratar un auxiliar». Isto non ocorre do outro lado da fronteira, onde os requisitos non son os mesmos: «o persoal de Asturias, do que moitas veces se nutriu A Mariña, xa non pode exercer aquí», subliñou a alcadesa

 

No caso de Barreiros, actualmente contan con tres socorristas —máis o persoal de coordinación, que tamén pode exercer—, un patrón de lancha, dous auxiliares, unha técnica sanitaria e a súa auxiliar. Con este equipo «intentamos cubrir toda a vixilancia da costa, sobre todo coa lancha, que nos permite unha chegada máis áxil. Por terra, as técnicas sanitarias, aínda que teñen o punto na praia de Coto desprázanse no vehículo de emerxencias», apuntou Ermida. Canto aos horarios, o servizo de salvamento estará dispoñible de 12 a 19 h durante toda a semana. 

 

Bandeiras azuis

 

Outro problema que afrontan os municipios mariñáns nesta época estival é o de cumprir cos criterios para izar as bandeiras azuis nos areais. «Nos últimos anos sempre nos conceden tres, pero acabamos renunciando a izalas xustamente polos requisitos de salvamento, que son bastante estritos. O que non queremos é hipotecar a vixilancia nas praias por unha bandeira azul. Este ano estamos vendo que facer coa de Fontela, xa que alí é onde están centralizados os servizos de socorrismo. Trataremos de organizar o persoal e tomar a decisión de izala ou non», concluíu Ermida.