A torre dos Moreno amence cunha pancarta dos bombeiros

Pancarta dos bombeiros na torre dos Moreno
O emblemático edificio ribadense amenceu no día de hoxe cunha enorme pancarta na que se poden ler proclamas contra Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior; e Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

Os bombeiros comarcais de Galicia continúan coa súa folga, iniciada polos profesionais da provincia de Lugo o día 9 do pasado mes de xuño. Son xa case tres meses reivindicando ante a administración autonómica e provincial a aplicación do dereito de conversión en persoal fixo —tal e como recoñeceu unha sentenza do Tribunal Supremo en 2022— e a sinatura dun convenio colectivo común para todos os bombeiros e bombeiras comarcais

Se no comunicado do pasado venres acusaban á Deputación de Lugo «de xogar coa seguridade e vidas das nosas familias e da cidadanía» e poñían de manifesto a precariedade do servizo e as malas condicións laborais coa contratación de persoal bolseiro chegado de fóra de Galicia «co único fin de que os altos cargos do ente provincial non se vexan salpicados pola nefasta xestión sendo máis máis importante seguir nos seus postos». Hoxe, a indiana torre dos Moreno de Ribadeo aparecía a primeira hora da mañá cunha pancarta na que se critica a xestión do goberno autonómico.