Ribadeo presume de pemento de Piñeira

Exaltación do pemento de Piñeira en Ribadeo
photo_camera Fotografía: Concello de Ribadeo
O 8 de outubro terá lugar a xornada de exaltación do pemento de Piñeira no Mercado dos Domingos. Haberá unha proxección, unha exposición, unha mostra degustación, tapiñas nos locais hostaleiros da contorna e música. A cita foi presentada pola concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.

A edil ribadense contou que «o vindeiro 8 de outubro volvemos ter unha cita no Mercado dos Domingos, nesta ocasión será coa xornada de exaltación do pemento de Piñeira».


Saiz relatou que «ás 11:30 h teremos Conversas na cortiña coas produtoras e produtores; ás 12:15 h, mostra degustación do pemento de Piñeira a cargo de Mar Orosa, cociñeira do restaurante El Oviedo; e a partir das 13 h, concerto con Paraíso Canto. Ademais, durante as horas do mediodía poderemos gozar dunhas tapiñas nos locais hostaleiros da contorna do mercado. E tamén poderemos visitar a exposición Impórtanos un pemento, onde poderemos ver a trazabilidade deste produto desde a súa semente ata a súa recollida».


A concelleira de Comercio e Turismo subliñou que «a historia do pemento de Piñeira discorre paralela á de varias xeracións de veciños e veciñas desta parroquia e dous seus arredores, que protexeron e transmitiron os segredos da sementeira, o cultivo e a recollida deste produto con características propias, que o diferencian doutras variedades autóctonas. Os labregos e as labregas de Piñeira e Vilaselán sempre foron extremadamente coidadosos cos traballos que rodean ao pemento, cultivándoo como se dun verdadeiro ritual se tratara, transmitindo os seus segredos de xeración en xeración».


Marta Saiz anima a acudir ao Mercado dos Domingos: «por todo isto e porque alí poderedes atopar e mercar produtos de proximidade e de gran calidade non esquezades acudir a este cita o vindeiro domingo, 8 de outubro. Convidámosvos a mergullarvos na historia do noso pemento».

Comentarios