Despois dun ano de mandato tivemos moitas ocasións para comprobar que desde o goberno municipal había moita intención de aparentar grandes medidas que disimulasen a súa inacción. Pero o ocorrido desde hai uns quince días é de tal rotundidade que non hai maneira de ocultar tanta vergonza.
Xa vai para dúas semanas que o alcalde anunciou a todo bombo a sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia para achegar 700.000€ para a reforma integral do Hospital Asilo. O BNG de Ribadeo manifestou o seu agrado por tal feito, aínda que tamén manifestamos que íamos prestar atención para comprobar se efectivamente se cumpría esa promesa. Pouco durou a ilusión: a realidade é moi teimuda. Ribadeo merece un respecto, merece honradez, honestidade e sinceridade. E non engano tras engano.
Parémonos por un momento a reflexionar sobre a situación das obras de reforma do Hospital Asilo. A verdade é que Xunta debería sufragar o custe total desta da obra, pois trátase dunha competencia súa. É máis, o goberno da Xunta xa debería ter colaborado hai anos coa construción da Residencia de Persoas Maiores de Ribadeo, pero mirou cara a outro lado, pensando máis nos propios intereses do PP que no pobo de Ribadeo. E agora, unha vez máis, o PP desenténdese de Ribadeo, o concello de máis poboación que gobernan os populares na provincia de Lugo. Salta á vista que no PP galego pensan máis noutros intereses partidarios, ou dunha parte ou familia do partido. É máis que evidente que nin o PP de Ribadeo, nin o alcalde e ex deputado autonómico, teñen influencia no PP de Galicia. E resulta ben rechamante como outros concellos, aos que felicitamos por lograren tal compromiso da Xunta, conseguiron ese convenio. O señor Daniel Vega pon moita fachenda na súa capacidade de xestión, pero os resultados resístenselle. Non lle fan caso.
Desde o BNG seguiremos presionando para que a Xunta cambie de actitude e acabe asinando o convenio de olaboración co Concello de Ribadeo para a reforma integral do Hospital Asilo. Agradaríanos moito observar ese cambio na Xunta de Galicia. Por varios motivos: primeiro porque é o que sempre manifestamos ao tratarse dunha competencia autonómica; e tamén porque posibilitaría que Ribadeo, reconducindo o préstamo tramitado polo anterior goberno para garantir o financiamento desta obra, puidese destinar fondos e recursos para financiar outras iniciativas que mellorasen as condicións de vida e o benestar das veciñas e veciños de Ribadeo. Pero temos que lamentar que cada semana que pasa sen que se asine dito convenio é un tempo perdido. Este mesmo luns comprobamos outra vez máis como o consello da Xunta volve excluír o Concello de Ribadeo para esta axuda. Non se pode seguir así. Xa levamos demasiado tempo perdido. O alcalde de Ribadeo queima a súa credibilidade cada vez que anuncia a sinatura dese convenio e cada vez que fala. Do mesmo xeito, ao non ter resultados, tamén queima as posibilidades de dar outro destino a ese crédito privando aos ribadenses de mellores servizos.