O Ribadeo Indiano presenta o seu propio cóctel

coctel_indiano
photo_camera Ingredientes do cóctel do Ribadeo Indiano

A festa ribadense contará para esta nova edición cun cóctel propio «nacido no obradoiro celebrado hai uns días en colaboración coa marca comercial Havana Club», segundo explicou a Asociación de Comerciantes de Ribadeo, Acisa. Para a súa elaboración precisamos 3 fresas (concentrado de fresa), lima natural, 5 cl de ron, refresco de lima limón e xeo picado ou roto. 

 

Desde o Concello e desde Acisa animan á hostalaría local a involucrarse activamente no Ribadeo Indiano. Así, a presidenta da asociación, Carmen Cruzado, sinalou: «xa estamos na conta atrás para o Ribadeo Indiano 2023 e queremos dirixirnos ás compañeiras e compañeiros dos bares, cafeterías, restaurantes e hoteis da nosa vila para animalos a participar de forma activa neste importante evento. Gustaríanos que durante o Ribadeo Indiano e nos días previos ofrecesen pinchos, tapas ou racións (de balde ou de pago) así como menús especiais típicos da gastronomía de ultramar. E tamén os queremos animar e motivar para que amplíen a súa oferta de cócteles. Todo co obxectivo de que durante uns días nos traslademos ás Américas a través da decoración das rúas, da vila, dos negocios, das indumentarias e tamén dos sabores». 

 

Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que «coma en edicións pasadas animamos tamén aos locais hostaleiros a que escollan un país iberoamericano de referencia para crear estas propostas gastronómicas e, de paso,  ambientar o seu local cun estilo propio». 

 

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, sinalou que «o Ribadeo Indiano precisa da implicación de todas e todas, veciñanza, negocios, institucións, asociacións… esta festa chegou moi alto en só sete edicións porque nela participan desde os máis cativos e cativas da casa ata os maiores. É un evento cunha oferta cultural moi ampla, pensado para que toda a sociedade o poida gozar a través de concertos, visitas teatralizadas, charlas, xogos, bailes, xincanas e grandes citas musicais, como a que vai protagonizar este ano o cubano Eliades Ochoa».