Por que decidiu dar o paso de ser candidato polo Bloque Nacionalista Galego nas pasadas eleccións municipais?
Decidín dar o paso unha vez que Fernando mo pediu e unha vez que este xa fixera pública a súa decisión de non presentarse á Alcaldía. Despois, isto someteuse ao Consello Local e alí tamén, por unanimidade, todos me pediron que valorase esa opción, esa decisión. Sentínme profundamente orgulloso, pois nunca contaba con poder realizar esa representación da miña vila, que para min é un orgullo tremendo. E presenteime tamén precisamente para darlle continuidadade ao traballo e ás accións que conseguimos sacar adiante non só no mandato anterior, senón en todos os mandatos con Fernando á fronte; e porque entendía e sigo entendendo que é necesario implicarse na política local, no ámbito social e no ámbito da representación para seguir avanzando en Ribadeo.
Como se atopa o BNG após non revalidar a Alcaldía de Ribadeo e, sobre todo, tras a renuncia dos tres concelleiros en xuño do ano pasado?
Teño que dicir que non foron os mellores momentos das vidas das distintas persoas que formabamos e formamos parte do BNG local; nin tampouco a noite electoral, á vista dos resultados, foi a mellor noite tampouco. Mais, debemos cinguilo a ese momento puntual, porque a partir de aí conseguimos de novo cohesionar un magnífico equipo, ademais dunha forma rápida. Serviunos tamén para demostrarlle á sociedade que somos unha organización forte, que somos un grupo político activo e que nos puidemos recompoñer incorporando axiña novas persoas á representación pública. E ademais persoas cunha gran capacidade de compromiso, traballo e comunicación para seguir facéndolle unha oposición firme e, ao mesmo tempo, construtiva ao goberno actual, que boa falta lle fai.
A nivel galego, a situación é moi boa despois do histórico resultado do 18-F. Como valora eses resultados en clave local?
Como dicía, a situación que se deu en Ribadeo hai que cinguila a ese momento puntual, quizais motivada pola frustración que produciu ese resultado. Non era só pola situación futura, e non me refiro ao ámbito laboral, senón pola situación de representación política no futuro, pois víronse truncados unha serie de proxectos que sabiamos perfectamente que coa chegada do Partido Popular non se ían realizar ou ían sufrir un importante retroceso. Entón, hai que cincunscribilo a ese intre puntual. No ámbito local, como dicía, fixemos un traballo moi importante e moi rápido de recompoñernos, de resituarnos e de facerlle fronte e oposición a este goberno. E estamos en disposición de seguir facéndoo así e co obxectivo tamén de volver a acadar a Alcaldía no ano 2027 seguindo a liña que está marcando o BNG a nivel nacional.
Os resultados do 18-F, aínda que non son os máis satisfactorios porque non nos parecen suficientes, son un acicate e un punto de partida para seguir mellorando. E nesas estamos, representando da mellor maneira que sabemos a todas aquelas persoas que continuamente nos están a dar a súa confianza.
O novo equipo de goberno leva xa case un ano no Concello. Que balance das súas políticas fai desde a oposición?
É difícil facer un balance. Se un se para a analizar o que leva realizado e acadado este novo goberno municipal de Ribadeo, é moi complicado facer un balance. Pódese dicir que imos cumprir un ano desde as pasadas eleccións locais e considero que é un ano perdido. Non hai ningún proxecto novo e hai unha falta total de obxectivo por parte do novo equipo de goberno, liderado polo seu alcalde. Estamos a ver que o único ao que se dedican é a inaugurar, a botar a andar, a poñer en marcha proxectos, obras e iniciativas que o anterior equipo de goberno xa deixou adxudicadas, ou financiadas ou proxectadas. Refírome á reforma do hospital asilo, ao forte de San Damián, á rehabilitación dos postos interiores da praza de abastos, a unha multitude de obras e a reconstrucións de vías públicas tanto no rural como no urbano. Por exemplo, hai un par de semanas inaugurouse a segunda fase do aparcadoiro do Pipelo e a rehabilitación de toda esa zona, que foi proxectado, programado, adxudicado e financiado na nosa etapa. É dicir, están a vivir de rendas a pesar de que renegan da herdanza recibida, que xa a quixeran outros concellos.
Xustamente, nun dos últimos comunicados do BNG, falaban dese "afán" por diferenciarse da herdanza do anterior goberno...
É máis que evidente. O problema é que nese afán por facer as cousas dun xeito diferente, chegan incluso a non facelas. Ou chegan a deturpalas de tal maneira que era mellor que non as fixeran. Estou a referirme, por exemplo, ao capítulo máis recente da viaxe de mulleres ao balneario con motivo do 8M. E que aínda por riba lle teñas que escoitar ao señor alcalde que iso xa se facía así nos anteriores gobernos do BNG... Iso é unha falsidade. Non se facía así, íase a unha viaxe con esas características e con ese obxectivo, pero nin se ía nesa data tan significativa nin se ía coa condición de que a actividade fora pagada por unha entidade comercial nin coa obriga imposta ás asistentes de que había que acudir durante todo ese tempo a unha charla comercial condicionándoas abertamente a que compraran a mercancía que alí se vendía. Iso nunca se fixo, nunca se debera facer, e non se lle pode permitir ao goberno actual. E coma esta, moitas outras cousas nese afán por diferenciarse e por apropiarse do que está feito desde antes. E nesa liña comenteron outro grande erro deixando á sociadade ribadense sen as actividades de conciliación que todos os anos se programaban para a Semana Santa e que lle supoñían a moitas familias un alivio importantísimo. Queren diferenciarse? Que o digan ás claras. Claro que somos diferentes, nosoutros faciamos as cousas de forma programada, de forma planificada, e iso os veciños e veciñas sábeno. Non se pode esperar gran cousa desta xente.
Outra das críticas máis recorrentes que fai o seu partido é o gasto desmedido no Concello e a falta de transparencia nos convenios coa Xunta de Galicia...
É unha realidade. O "despilfarro" podería ser un dos adexectivos calificativos do actual goberno. Ademais, sen xeito, cun incremento desmesurado de gasto, un gasto improdutivo. Nin sequera se lle pode chamar gasto en celebracións. E non o dicimos nós, senón que é algo que está á vista de todos, ninguén o pode negar. Estimamos que isto nos vai traer problemas importantes no futuro. Hai tan só uns días iniciouse o trámite de aprobación das contas do ano 2023 e xa puidemos observar simplemente cunha ollada así por riba como o capítulo de remanentes se reduce, desde que eles chegaron ao goberno, en máis de 500.000 euros. En tan pouco tempo, son capaces de deteriorar e de botar por terra todo un traballo feito durante moitos anos e con moito rigor económico que lle permitía a Ribadeo pensar en proxectos que noutros momentos ou noutros concellos eran ou son impensables. Están a botar por terra todo o prestixio económico e contable que tiña Ribadeo. Diso daremos cumprida información nos próximos días ou semanas, a medida que os servizos de intervención nos vaian informando da situación. Os remanentes están moi tocados, e iso merma enormemente a capacidade de investimento de calquera Concello e Ribadeo vaise resentir.
Intentan palialo ou compensalo dicindo que se están a asinar acordos ou convenios coa Xunta ou con outras administracións. Isto danos pé a indicar cal é outra das características que definen a este goberno: un alcalde que falta á verdade. É a enésima vez que lle pedimos explicacións, tanto no pleno como fóra do pleno, sobre eses convenios que di asinar coa Xunta e é a enésima vez que, por escrito, nos responden que non hai convenios asinados coa Xunta, ademais dos que habitulmente se viñan asinando con anterioridade (axudas para o SAF, para o Fondo de Cooperación Local, etc.). É dicir, faltan á verdade cando nos din que está asinado un convenio para a financiación do hospital asilo, non é certo. Faltou á verdade a primeira vez que dixo que había un convenio asinado, que era para financiar as actividades do Ribadeo Indiano. Estamos a falar do mes de xuño do 2023, e dez meses despois seguimos agardando por un convenio que xa sabiamos que non existía nin existirá. E faltan á verdade, noutra orde de cousas, cando din que se redacta e se aproba un Plan Director de Poda e Xardinería. E tiveron que responderernos que tal Plan non existía. E faltan a verdade, igual que con isto, con moitas otras cousas. Tapan unha cousa coa outra, tapan as súas carencias, e así levamos prácticamente un ano sen avanzar nin tan sequera un milímetro no progreso de Ribadeo.