Moito público no concerto do Día da Patria en Ribadeo

A Banda Municipal de Música de Ribadeo reuniu a gran cantidade de público onte, martes, no Campo de San Francisco, para escoitar o concerto do Día da Patria. A actuación foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.

A banda ribadense, dirixida por David Ballester Martínez, interpretou os seguintes temas: Mar y Cielo, de Jorge L. Vargas;  Lugo-Ferrol, de Gregorio Baudot; Aleserman, de R. F. Groba;  Concerto D’Amore, de Jacob de Haan; A Freixa, de R. F. Groba; Solamente una vez, de Agustín Lara con arranxos de Robert Longfield; Medley Boleros II, con arranxos de J. Molina; e The never ending story, de K. Forsey e G. Moroder, con arranxos de Patrick Roszell. Como bis a Banda de Ribadeo tocou Guantanamera, que o director dedicou a un antigo compoñente da formación, Monchín, que estaba no público. E rematou o concerto coa interpretación do himno galego.


O próximo concerto da formación que dirixe David Ballester será no XXVIII Festival de Bandas ribadense, no que tamén actuará a Banda de Vilalba. Será este sábado, día 29, desde as sete da tarde, cando farán un pasacalles dende o Teatro ata o Campo de San Francisco; e a continuación, ás 19:30 horas, terá lugar o concerto no auditorio Hernán Naval, onde as bandas farán primeiro unha actuación individual e despois tocarán unhas pezas as dúas xuntas.