Artigo de opinión de Gonzalo M. Lebredo, «Libres e orgullosos»

Gonzalo lebredo

O venres 28 de xuño celébrase desde 1969 o Día do Orgullo a raíz dos disturbios de Stonewall (Nova Iorque), onde a policía agrediu ás persoas que se encontraban dentro deste local de ambiente. Dese conflito xurdiu unha resistencia á discriminación por razón de orientación sexual en EE.UU. e de aí ao mundo. Desde aquela nas cidades de Europa e do mundo civilizado conmemórase esa data de moi diversas maneiras querendo amosar –entre outras cousas– que non hai nada que esconder e nada que censurar por parte do Estado.


Murray Rothbard, un dos grandes pensadores do século XX e pioneiro do anarcocapitalismo, defendeu que non correspondía á Lei nin ao Estado impoñer a ninguén unha concepción da moralidade. Cada persoa é libre de adoptar os valores que considere oportunos e de expresalos, aínda que doan ou non gusten ou outros se sintan atacados. Non hai cabida para castigar os discursos, nin cabida ao dereito ao honor nin nada semellante nunha sociedade libre. A liberdade das persoas a expresarse prima sobre calquera outra cousa agás á condición de propiedade privada do lugar onde se expresen esas opinións.


Explícome: este medio que acolle o meu artigo ten dereito a non publicalo e, daquela, non podería expresarme aquí. Tamén eu podo censurar na miña casa a un amigo que me está molestando e dicirlle amablemente que non se exprese máis e que abandone a miña propiedade.


Orgullo para min é poder saír á rúa e poder convivir pacificamente con persoas que nada teñen que ver comigo. Orgullo é que unha persoa coa condición sexual que sexa poida escribir un artigo na prensa ou nas redes sociais e dicir o que queira (se o medio llo consinte, por suposto). Orgullo é que as persoas de calquera condición non teñan represalias da ditadura do politicamente correcto. Ese orgullo conquistado  desde o 28 de xuño do 1969 non pode desembocar nunha nova persecución á disidencia a golpe de leis, censura e decretos. Debemos estar orgullosos todos de convivir persoas con vidas, ideoloxías e afectos moi diferentes. Respectar a todas as persoas é crer nas liberdades civís e iso é o primeiro paso para alcanzar unha sociedade libre.

Como dicía Rothbard, «podemos demostrarlles aos grupos minoritarios que só a liberdade garantirá a total emancipación, para que cada grupo desenvolva os seus intereses e administre as súas propias institucións, sen impedimentos nin obrigas impostas polo goberno da maioría».


As minorías de calquera tipo poden ser libres e vivir en paz coas maiorías se abrazan as ideas da liberdade «que trascende a raza, a ocupación, a clase económica e as xeracións; calquera persoa que non forme parte da elite gobernante é receptora potencial da nosa mensaxe. Cada persoa ou grupo que valore a súa liberdade ou a súa prosperidade é un adherente potencial ao credo libertario».

Comentarios