O grupo máis grande de scouts de España fixo parada en Ribadeo

Setenta rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 16 e os 19 anos pasaron por Ribadeo nas últimas horas, a onde chegaron de ruta a pé.
Trátase do grupo máis grande de scouts de España. Ademais, Francisco José Silvent, concelleiro de Deportes, asistiu á clausura da escola municipal de surf. 

Scouts

Xunto aos scouts estiveron o alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, que lles agradeceron o seu paso por Ribadeo e lles deron ánimo para continuar o seu camiño. Vega declarou: «grazas ao grupo scout 284 Reina del Cielo do barrio de La Estrella, en Madrid, por visitar Ribadeo. E ánimo na ruta». Silvent indicou que «queremos poñer en valor a unión do turismo e do deporte e dar cabida a agrupacións que buscan coñecer a nosa vila». Este grupo de scouts visitou o casco histórico de Ribadeo, As Catedrais e tamén Rinlo. O edil ribadense engadiu que «desde a Concellería de Deportes abriremos sempre as portas a todas as agrupacións para que o nome de Ribadeo chegue o máis lonxe posible».

Escola de surf

Silvent participou, tamén, no acto de clausura da escola municipal de surf. O concelleiro mostrouse agradecido «todos eses monitores que cada verán desenvolven un traballo excepcional ensinándolles aos máis pequenos novos deportes nos que divertirse e poder practicar nun futuro, xa que quizais sen estas escolas non poderían acceder a eles». Unhas escolas nas que participan uns 90 nenos e nenas durante este verán. En xuño tivo lugar a escola de vela e estes días rematará a de pesca deportiva. A escola de piragüismo segue en funcionamento mentres que a de skate está pendente de inicio.