Estes son os camareiros do millón de euros

Daniel, César e Lucía co boleto do Rasca Platinum premiado
photo_camera Daniel, César e Lucía co boleto do Rasca Platinum premiado

Un boleto do Rasca Platinum adquirido no Restaurante Marinero de Ribadeo o pasado domingo, 10 de setembro, resultou premiado cun millón de euros. Durante toda a semana houbo moitas especulacións na vila sobre a posible ou posibles identidades dos afortunados, mais non foi ata o venres cando se soubo que os gañadores do premio eran tres traballadores do propio establecemento. Durante os días posteriores ao sorteo, os tres camareiros acudían, como se se tratara dunha xornada habitual, ao seu posto no coñecido local situado no peirao ribadense.

Eles son Daniel, de 22 anos, veciño da Devesa que leva traballando no local hostaleiro desde hai pouco máis dun ano; Lucía, de 38 anos e nada en Frieira, con máis de 18 anos de experiencia como camareira no Marinero; e César, de 59 anos, veciño de Rinlo e un dos veteranos do restaurante cunha vinculación de máis de 35 co Marinero. Cada un deles recibirá uns 240.000 euros, pois os premios dos xogos de azar tributan en Facenda, diminuíndo a contía nun 20%. 

O Rasca Platinum é un xogo da ONCE no que por dez euros pódese chegar a gañar ata un millón de euros ao instante. Por cada serie de boletos reporta dous premios de dous millóns de euros, tres de 100.000, 5 de 10.000, 25 de 5.000, 120 de 1.000, 500 premios de 500 euros, 30.000 premios de 100 euros, 120.000 euros de 50 euros, 411.000 de 20 euros e 953.000 premios de 10 euros.

Comentarios