Ribadeo acometerá obras de mellora na estrada de Noceda

201023 Foto visita estrada Noceda
O alcalde asegura que se trata dunha infraestrutura moi empregada pola veciñanza e polas empresas da zona.

Estes días dan comezo as obras de mellora da estrada de Noceda, que suporán un investimento de 120.000 euros. O alcalde, Dani Vega, considera que se trata dunha infraestrutura «fundamental e estratéxica para Ribadeo»


O rexedor contou que «comezan as obras da estrada de Noceda, unha infraestrutura necesaria e fundamental xa que vertebra o rural da costa co do interior. Une as parroquias, comunica o noso rural e é usada por moitos veciños e moitas empresas».


Dani Vega dixo que «hai que pensar que o investimento debe vir sempre baixo unha  planificación orzamentaria, pero tamén nunha concreción de obras durante os seguintes anos».


O alcalde indicou que «quixemos concretar este investimento e así concluír unha estrada onde estes anos anteriores se veu investindo para mellorala. Hai que destacar que é unha estrada que vertebra todo o rural, polo que debemos mellorar a comunicación e os puntos críticos que ten este vieiro baixando a Noceda, hai certas curvas que teñen risco».


Vega subliñou que «son 120.000 euros de investimento para a mellora desta estrada fundamental e estratéxica para Ribadeo”. Ata ese vieiro desprazáronse hai uns días o alcalde, Dani Vega, a directora xeral do Agader, Inés Sante, e o concelleiro de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, Diego Dos Santos.