Educando co corazón: o CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz de Ribadeo celebrou este luns o seu 50 aniversario

ruedaribadeo
photo_camera Alfonso Rueda, presidente da Xunta, no 50 aniversario do CEIP Gregorio Sanz. Fotografía: Aquí Diario

Ao acto conmemorativo, celebrado no auditorio municipal Hernán Naval, asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este luns, 19 de xuño, ao acto conmemorativo do 50 aniversario do CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, que tivo lugar ás cinco da tarde no auditorio municipal Hernán Naval. O titular do Gobierno galego tivo palabras de agradecemento para a comunidade educativa do centro polas súas cinco décadas de andaina en favor da educación dos nenos e nenas de Ribadeo e tamén por ser un centro exemplar na súa adaptación ás novas necesidades pedagóxicas. De feito, hoxe en día participa en numerosos proxectos como o programa de mellora da biblioteca escolar Plambe; o Plan Proxecta, co que colabora na sustentabilidade do concello e no coidado do medio ambiente; o Vexo, vexo, Xacobeo, para o que conta cun treito do Camiño do Norte, ademais doutras iniciativas como Aliméntate ben, Innova, Inclúe, Proa+, Polos educativos ou Voz Natura.  O evento tamén contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

 

Baixo o lema “Educando co corazón” participaron, entre outros, o exdirector Antonio Martínez, a actual directora Lourdes Marqués e un bisneto de Gregorio Sanz. Tamén tomou a palabra o novo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega. O broche final púxoo a Coral Polifónica de Ribadeo.

DSC02883
Román Rodríguez, Daniel Vega e Alfonso Rueda no acto de onte

 

O colexio leva xa uns días celebrando diversas actividades de fin de curso: o día 15 leváronse a cabo as graduacións tamén no auditorio municipal. O día 16 desenvolveuse unha xornada de convivencia entre estudantado e profesorado na área recreativa de Santa Cruz. E este luns, xa pola mañá no Cine Teatro, houbo tamén unha actuación de Migallas Teatro que presentou a obra “Brincadeiras da lingua”. Tamén tivo lugar un obradoiro de maquillaxe da man de Óscar Aramburu. 

 

Mais isto non remata aquí, pois o día 20 será o Día do deporte e organizarase unha sesión de zumba para primeiro e segundo de Primaria, ademais de exhibicións de billarda e xogos tradicionais organizadas pola ANPA. Finalmente, o día 21 está programada unha xornada de portas abertas e varias exposicións. A partir das 19 h, os eventos arredor do 50 aniversario culminarán cunha merenda-cea na pista cuberta do propio recinto escolar amenizada por Tumba e Dálle e Corazones Jóvenes.