Entrevista a Begoña Sanjurjo: 'O traballo de igualdade non se centra en datas concretas'

begona
photo_camera Begoña Sanjurjo, concelleira de Igualdade do Concello de Ribadeo.

Entrevistamos a Begoña Sanjurjo, concelleira de Igualdade no Concello de Ribadeo, que comparte como aborda a conmemoración do 25N, destacando a importancia de manter a sensibilización sobre a violencia de xénero durante todo o ano. Begoña recalca a necesidade de un traballo continuo e colectivo para conseguir a igualdade.

Sigue sendo necesario remarcar o 25N. Por qué é importante reivindicar esta data?

O traballo de igualdade ten que levarse a cabo durante todo o ano, non se centra en datas concretas, así o facemos dende o Concello. Sí que hai dúas datas que destacan que son o 25N e o 8 de Marzo, e é importante reivindicar a data porque sigue habendo vítimas que é o caso máis extremo da violencia de xénero. Ademáis existen moitos micromachismos no día a día que ás veces non nos damos conta pero están aí. Hai que sensibilizar e hai que erradicar.

O Concello de Ribadeo comezou unha programación moi extensa sobre o 25N a principios de mes...

Fixemos unhas xornadas coa garda civil de defensa persoal e unhas charlas psicolóxicas ó redor da a violencia de xénero, tiveron lugar os dous fins de semana pasados. Esta semana imos colocar un banco no skatepark para que esté alí todos os días e nos acordemos de decirlle ‘non á violencia’, eliximos esa zona para que a xente nova o teña presente. Este banco vai levar unha mensaxe seriegrafíada acompañada cun código QR coa que enlaza cos servizos que hai dispoñibles como apoio ás mulleres no Concello de Ribadeo.

Que recursos pon o Concello a través da área de Igualdade para as vítimas de violencia?

Os recursos principais canalízanse a través do CIM que é o Centro de Información á Muller, onde contamos cunha avogada e cunha psicóloga. Despois están as Forzas de Seguridade do Estado, que son a Garda Civil e a Policía Local.

Entendemos que acompañades a esas mulleres dende que tedes coñecemento do caso, non?

Sí, evidentemente acompañámolas durante todo o proceso e poñemos todos os recursos e servizos que necesiten. Déronse casos por exemplo de necesitar casas de acollida.

Non está mal recordar a onde se deben dirixir ou chamar...

Para case todos é coñecido o número 016, que é o número de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero. Este número é gratuíto, confidencial, está dispoñible 24 horas e non deixa rastro na factura. Aquí en Ribadeo poden dirixirse ao CIM que está no Auditorio e o teléfono é 982.120.739 .

Como comentamos antes, os actos da programación do 25N comezaron cun curso de defensa persoal feminina, xornadas onde se impartiron charlas psicolóxicas e unha mesa redonda. Que outras iniciativas van ter lugar esta semana?

Un grupo de alumnado de secundaria e FP do Instituto debuxaron uns cómics en dixital coa temática ‘non á violencia’, e dende o Concello pasámolos a papel e onte entregámosllos en man. O obxectivo e que os poidan ter físicamente, se sintan orgullosos e orgullosas do seu traballo e vexan que é bo participar nestas accións, e por outra banda, para que recorden esa mensaxe que tiñan tan clara nese momento.

Entrega de cómics.
Entrega de cómics.

A maiores, o día 24, venres, proxectaremos unha sesión de Matria nos centros escolares cun coloquio posterior co director, e despois pola noite, o público xeral poderá ver esa película ás 20.00 horas no Auditorio Hernán Naval. Asimesmo, exhibiremos un vídeo colaborativo que fixemos coa colaboración de diferentes entidades, asociacións, centros escolares... en definitiva, nese vídeo poderase ver como a sociedade ribadense lle di ‘non á violencia’.

O día 25, sábado, organizaremos unha concentración diante do Concello, onde ademais da lectura do manifesto gardaremos un minuto de silencio polas vítimas. Ese día faremos un mural entre todos. Dende as 12,30 da maña ata as 18,00 horas da tarde estará alí colocado un panel, animo a todo o mundo a plasmar os seus sentimentos, as súas ideas, o seu arte... e rotular entre todos ese panel que despois levaremos para o Auditorio municipal e estará alí exposto varios días para que a xente o poida ver.

Para rematar a programación do 25N, o domingo día 26, haberá a obra teatral ‘Miss España’ de Iria Piñeiro, que se poderá ver as 20.00 horas no Auditorio.

Estamos vendo que nas redes sociais aumentan actos con comportamentos machistas, bromas que non son bromas, control sobre a parella… Esto dase sobretodo no máis novos. Como frear esta actitude en idades tan tempranas? Cómo se aborda a educación e a prevención?

A igualdade non pode centrarse en dous días ao ano, coma comentaba antes. É por eso que ao longo de todo o curso escolar, en colaboración coas entidades educativas e os colexios se fan diferentes actividades. Estamos preocupados polas xeracións que veñen atrás. O reggaeton por exemplo non axuda moito a dar exemplo.

Qué outros proxectos tedes pensado levar a cabo ao longo do ano?

Este ano haberá unha exposición baseada no documental de ‘Chicas nuevas 24 horas’ da directora Mabel Lozano que denuncia o negocio da explotación sexual de mulleres e nenas. Por outra banda faremos actividades de traballo de habilidades sociais que aínda que pareza que non, eso tamén inflúe, a priori pode parecer que é un tema que non afecta directamente pero é importante reforzalo. Contemplamos facer iniciativas de educación sexual, de corresponsabilidade e accións que poñan fin aos estereotipos de xénero tamén no ámbito profesional, que se dan moito. En definitiva, faremos moitas actividades ao longo do ano para ir xerando pouco a pouco ese ambiente de igualdade no que deberíamos convivir todas e todos.

Involúcranse os veciños nestas actividades ou accións?

Sí, por unha parte podemos contar con todo tipo de organizacións ou asociacións da nosa vila, que xunto con grupos de veciños e centros escolares, soemos colaborar conxuntamente de moi bo gusto. E por outro lado, os veciños e veciñas da vila participan activamente e todas as propostas son ben acollidas.

Non é sinxelo realizar segundo que tipo de iniciativas por tratarse de temas delicados. Con qué recursos contades para levar a cabo estes proxectos?

Ao longo do ano moitas actividades están subvencionadas mediante o pacto de Estado e de partidas que veñen da secretaría xeral de Igualdade, pero para levar a cabo outras accións témonos que buscar o noso propio método para poder levalas a cabo. Por sorte, sempre que se pide colaboración para estes proxectos o resultado soe ser positivo. Algunhas ideas xurden de particulares, de veciños que che din un planteamento e despois de estudalo e meditalo pódese levar a cabo.

Que mensaxe lle gustaría dar á sociedade ribadense?

Gustaríame que a xente tivese presente que a Igualdade constrúese entre todas e todos, e temos que estar aí poñendo da nosa parte, como se soe dicir ‘pico e pala’ todos os días loitando ata que xa non teñamos que falar dela. Cando desapareza a concellería de igualdade será que a temos conseguida.