O alcalde, Dani Vega, contou que «hoxe visitamos a asociación Saúde Mental da Mariña. Teñen presenza no noso concello, teñen un local onde están a atender a moitas persoas que necesitan certas prestacións e coidados. Esta asociación Saúde Mental da Mariña cumpre unha función social fundamental».
O rexedor cre que «desde o Concello de Ribadeo temos que ser agradecidos co traballo que realizan. Eu coñézoos desde hai tempo e cumpren con esa labor social fundamental que debemos saber apreciar desde as institucións, debemos coidar e colaborar con eles».
Vega subliñou que «por iso imos facer un encargo. Trátase dunha idea novidosa que é a cestiña dos arrolos, esa cestiña que terá produtos para os bebés que nacen e veñen a Ribadeo como poden ser cueiros, toalliñas, produtos de baño, esa bolsa tan preciosa elaborada pola propia asociación ou libriños para as nenas e os nenos».
O alcalde dixo que «esa cestiña de abrazo, de acollemento, quere darlle a benvida a moitos nenos e nenas que nacen e veñen a Ribadeo, son acollidos polas súas familias e teñen que sentir tamén o coidado, a atención e o abrazo do Concello de Ribadeo».
Dani Vega indicou que «tamén imos colaborar este ano incrementando o convenio, esa cantidade orzamentaria que nos lles entregamos a todas as asociacións de Ribadeo. E queremos colaborar con eles incrementando esa partida orzamentaria».
O rexedor tivo palabras de agradecemento para o traballo que leva a cabo Saúde Mental da Mariña: «agradecemento ao labor e ao traballo que realizan e destacar a súa función de entrega e de coidado á persoa».