Lourenzá festexa o Conde Santo, que comeza hoxe coa cea-baile Lenda do Conde

Presentan en Lourenzá as festas do Conde Santo
As festas do Conde Santo en Lourenzá celebraranse desde hoxe, venres 25, ata o luns 28. Nesta fin de semana haberá tamén o XXIV Día da Bicicleta, a primeira concentración de camións, a tradicional mostra folclórica e o terceiro certame de bandas de música. Os festexos foron presentados polos organizadores e a alcaldesa, Rocío López.

As actividades empezarán no día de hoxe, venres, co XXIV Día da Bici na praza do Conde Santo, desde onde se fará un percorrido de 12 quilómetros ata A Cazolga. Ao final haberá probas e competicións en entregaranse trofeos e agasallos sorpresa. As inscricións serán a partir das 17 h na praza. E ás 22 h terá lugar a cea baile Lenda do Conde, na que haberá as actuacións de Toxo Guayaba, DJ´s e El niño lápiz


O sábado 26 sairán os Cocos ás 11:30 h, ás 12:45 h haberá misa solemne e a partir das 14 horas sesión vermú coa orquestra La Favorita, que tamén amenizará a verbena xunto a Ritmo Bakano. Ademais, ás 18 h empezará a VI Milla Lourenzá e ás 19 h no claustro terá lugar a mostra folclórica na que actuarán a agrupación Osorio Gutiérrez e As Cantigas de Elena. E ás 20 h A Charanga de Carmiña ofrecerá un pasarrúas


O sábado celebrarase ademais a primeira concentración de camións, para a que están inscritos uns 80 vehículos. Ás doce do mediodía empezarán unha ruta desde o recinto feiral de Vilanova polo val de Lourenzá, despois participarán na sesión vermú e xuntaranse nunha comida e ao longo da tarde sortearán agasallos e entregarán premios.


O domingo 27 sairán os Cocos ás 11:30 h, ás 12:30 h a Banda de Lourenzá ofrecerá un pasarrúas e ás 13 h celebrarase unha misa solemne. Ás 14 h empezará a sesión vermú na que actuará Mar de Arousa, que tamén estará na verbena xunto a orquestra Cinema. Ás 17:30 h volverán saír os Cocos e ás 18 h disputarase o torneo de fútbol Conde Santo entre os equipos das Escolas Deportivas Lourenzá e o Iberia Club de Fútbol. Ás 18:30 h terá lugar no claustro o terceiro certame de bandas de música, no que participarán a de Cedeira e a de Lourenzá, con entrada gratuíta. E ás 20:30 h a charanga NBA ofrecerá un pasarrúas.


E o luns 28 rematarán os festexos coa saída dos Cocos ás 11:30 h e unha sesión vermú desde as 14 h amenizada polo dúo Epo-k.