O candidato socialista ao Congreso por Lugo mantivo hoxe unha reunión co Comité de Empresa de Alcoa, xunto ao secretario xeral dos socialistas galegos, o delegado do Goberno e a subdelegada provincial.
No encontro, Gómez Besteiro evidenciou «a tripla traizón de Feijóo e Conde á Mariña con Alcoa, Vestas e Altri» e apuntou que «A Mariña é a comarca galega máis traizoada pola Xunta». Besteiro insistiu en que «fronte ao boicot de Feijóo, hoxe continúa a actividade de Alcoa e os postos de traballo grazas ao Goberno de Pedro Sánchez».
Na reunión, na que estivo acompañado polo secretario dos socialistas galegos Valentín González Formoso, o secretario de Emprego do PSdeG e delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; e outros líderes da candidatura socialista ao Senado e ao Congreso como César Mogo e Patricia Otero; declarou tamén «os socialistas traballamos sen buscar a foto e de forma eficaz para asegurar o emprego de máis de 500 traballadores e a economía da comarca, pola contra; a Xunta, que ten as competencias en materia de industria, aliñouse cos intereses da empresa durante a primeira fase do conflito e xogou ao escapismo, poñendo en risco o acordo e o futuro de centos de familias».
O candidato socialista afirmou que o modelo do Partido Popular, «que privatizou Alcoa en 1998, provocou os problemas posteriores. Tamén fixo referencia ao caso de Vestas, en Viveiro, sinalando que «aínda que o Parlamento apoiou á Xunta, esta volveu traizoar á Mariña. Hoxe por culpa de Feijóo os traballadores están na rúa. Con Pedro Sánchez hai futuro para A Mariña, con Feijóo hai pobreza”. Así mesmo, aludiu á elección de Palas de Rei para a instalación da primeira fábrica de fibras téxtiles de España: «A Xunta volveu incumprir e deixou tirados, unha vez máis, aos mariñáns. O PP de Feijóo sáelle moi caro á Mariña”.
Durante o encontro, os socialistas agradeceron ao persoal a súa responsabilidade tanto agora como ao longo de toda a negociación para chegar a unha solución definitiva e asegurar os postos de traballo e as capacidades industriais. Neste sentido, engadiu, «Alcoa é a empresa que máis fondos recibe en Galicia das axudas do Goberno por emisións de CO2, con 30 millóns de euros; e contará con 5 parques eólicos autorizados polo Ministerio, e pesar do atraso co que a Xunta facilitou a información tras dous prórrogas, cunha potencia de 589 MW».
Os socialistas pediron á Xunta «que tome exemplo e pase das palabras aos feitos e apoie con investimentos aos traballadores de Alcoa» pois «Rueda nin contestou ás tres peticións do comité de empresa de Alcoa e leva máis dun ano como presidente da Xunta».