O PP de Burela critica a xestión dos socorristas

photo_camera

Os populares de Burela lamentan que «o goberno local bipartito que preside a señora López Moreno non fora capaz de xestionar a carencia de socorristas en Burela».

 

Desde o grupo popular afirman que debido á tardanza na contratación deste servizo por parte do goberno burelés, socorristas da vila están a traballar noutros concellos da Mariña como Xove ou Foz. O PP insta ao bipartito a «anticiparse e deixar de botar balóns fóra culpando á Xunta cando se trata dun servizo de competencia exclusivamente municipal». 

Engaden, ademais, que «existe un comité de praias que se puido ter convocado para abordar esta cuestión porque podían xurdir novas ideas». O propio concelleiro popular, Félix Martins, membro deste comité, asegura que «poderiamos achegar frescura sobre este tema». 

O PP de Burela tamén foi crítico co izado das bandeiras azuis, pois advirten que «a comezos de xullo só hai un areal coa bandeira azul izada; cando a estas alturas do ano as tres principais praias deberían contar con esta bandeira izada”. Por outra banda, o grupo popular, que non foi convidado ao izado da bandeira azul na praia da Marosa, manifestou: «lonxe queda a elegancia mantida polo goberno socialista en minoría do señor Llano onde se convidaba a tódolos grupos municipais ao izado
das bandeiras azuis».