José Manuel González “Brais” presenta un Produart «moi agradable para o público»

José Manuel González López, máis coñecido como Brais, é o xerente de Expomar. Xustamente, a Fundación Expomar organiza os días 4, 5 e 6 de agosto en Burela a XXI Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos Produart. Este mércores tivo lugar a presentación do evento na que estiveron presentes o propio José Manuel González, "Brais"; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Burela, Carmela López.

 

Celébrase unha nova edición de Produart, a vixésimo primeira, como naceu a feira?

 

O principal obxectivo da Fundación Expomar é difundir e promover o sector náutico pesqueiro. Con ese mesmo obxectivo e coa intención de colaborar na promoción da Feira do Bonito organízase desde hai 21 anos esta feira para fomentar os produtos do mar. Ademais, para que a xente teña un aliciente máis para visitar Produart, temos outro tipo de produtos, tanto da terra como artesanía. 

 

Que pode atopar o visitante en Produart? 

 

Como nas edicións anteriores, poden atopar todo tipo de produtos, como dicía antes, tanto do mar como da terra, e artesanía: conservas, conxelados, produtos das nosas hortas, anchoas de Cantabria, aceite de Xaén, artesanía tanto de Galicia como de fóra. Unha feira na que o visitante pode atopar unha gran variedade.

 

Con cantos expositores contará esta edición da feira? 

 

En Produart pretendemos facer unha feira moi agradable para o público e por iso non queremos unha cantidade esaxerada de expositores. Queremos variedade, non queremos repetición de produtos. Entón, facemos unha selección da xente que quere expoñer estes días en Burela. Ao final, estaremos arredor dos 50 stands

 

Que outras actividades están previstas? 

 

Os expositores farán unha degustación do produto que comercializan en cada stand. O primeiro día, despois da presentación, vai haber tamén unha degustación de produtos dos mar. Ese mesmo día, por xentileza da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, realizarase unha cociña en vivo, ou showcooking, con produtos que se comercializan na lonxa de Burela. Ademais, haberá unha demostración de encaixe de bolillos por parte da asociación As Encaixeiras; unha actuación musical de As Grileiras, un grupo de pandeireteiras cantareiras da vila que pertencen á Sociedade Cultural Recreativa Ledicia; o día da clausura actuarán, unha vez máis, os Acordeonistas da Mariña, cun concerto o domingo pola tarde. Haberá tamén actividades para os máis pequenos, como o "pintacaras" organizado por Gaia. 

 

Como sería a colaboración coa Feira do Bonito? 

 

Produart sempre foi un apoio técnico. A xente que ese día vén gozar de Burela e da Feira do Bonito, ao mesmo tempo, ten outra actividade como pode ser Produart. É un motivo máis para achegarse á vila e desfrutar do noso “príncipe azul”.