A partir do próximo sábado —1 de xullo— será necesario ter unha reserva para visitar tanto o areal ribadense como a punta do Fuciño do Porco
O acesso ao Monumento Natural Praia das Catedrais quedará restrinxido desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro. Polo tanto, só se poderá baixar ao areal coa reserva de visita, que se poderá obter a través de diferentes canles. Os visitantes que se aloxen no municipio de Ribadeo poderán recibir un pase no propio establecemento co que terán entrada directa. Outra maneira de acceder será co billete do Bus Praia, o servizo lanzadeira que conecta a vila co areal. A outra vía é a telemática, reservando na páxina web habilitada pola Xunta de Galicia. Neste caso, as reservas só se poderán facer cun prazo máximo de 30 días de antelación. Por razóns de conservación, o límite de persoas ao día que poden visitar As Catedrais será de 4812.
Outro dos lugares máis visitados da comarca é a Punta Socastro, ou o que é o mesmo, O Fuciño do Porco, situado no concello do Vicedo. Tras permanecer pechado por obras durante varios meses, este sábado poderá volver visitarse este singular cabo. A reserva, que tamén será gratuíta, será necesaria para poder desprazarse ao lugar entre as 9 e as 21 horas no período do 1 de xullo ao 31 de agosto. Na web habilitada polo Concello establécense quendas de 45 minutos de duración e cada unha delas terá cota para 70 persoas.