Xove contará cunha nova ruta litoral

Nova ruta litoral en Xove
Comezaron os traballos de creación dunha ruta litoral que irá desde a praia de Esteiro á enseada de Muiñelo e de Punta Meitón á Punta da Mansa co obxectivo de conectar varios puntos de interese turístico e, así mesmo, de crear unha ruta litoral de sendeirismo por unha zona privilexiada desde o punto de vista paisaxístico na contorna da praia de Esterio, na parroquia de Xuances.

O concello de Xove conta xa con diversas praias e puntos de interese, entre elas atópase a praia de Esteiro, a enseada de Muiñelo, Punta Meitón e Punta da Mansa, que forman un conxunto tranquilo e apto para aqueles que queren fuxir das aglomeracións doutras praias e zonas masificadas, posto que se encontran nun enclave pouco urbanizado. A praia de Esteiro, de Bandeira Azul, está considerada polos surfeiros como un dos mellores areais para a práctica deste deporte.


A costa de Xove encóntrase incluída na zona denominada Costa da Mariña Occidental da Rede Natura 2000. Este espazo natural está protexido como Zona de Especial Conservación e Zona de Especial Protección para as Aves. Toda actuación que se leve a cabo deberá aterse o establecido no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.


Coa realización da actuación que se pretende levar a cabo, facilitárase o goce dos visitantes, poñendo en valor o espazo natural dun modo compatible coa súa conservación. A obra ten un orzamento de 73.664,97 euros e está sendo realizada pola empresa MARCOR XOVE S.L., a cal ten un prazo de execución de 23 días. Conta cunha subvención do 90% por parte da Dirección Xeral de Turismo, sendo o 10% restante por conta do Concello.