Celebrado en Xove o Campionato de España de Bolo Celta

Bolos celtas en Xove
Esta fin de semana celebrouse nos campos de bolos de Lago e de Sumoas, no concello de Xove, o Campionato de España de Bolo Celta na categoría femenina e nas modalidades de individual e de parellas. No mesmo participaron clubs dos concellos de Tineo, Cangas del Narcea, Gijón, Oviedo, Baiona, Gondomar, Nigran, Riotorto e Xove.

En total participaron 29 xogadoras procedentes de Asturias, Galicia e Madrid (comunidades onde se xoga a esta modalidade de bolos). 


O sábado 17 disputouse o clasificatorio nos campos de Lago e Sumoas. Pola mañá todas as xogadoras tiraron 8 boladas no campo de Lago e pola tarde outras 8 boladas no campo de Sumoas. Deste clasificatorio pasaron á final as 12 xogadoras que máis puntuación obtiveron nas 16 boladas; entre as estas 12 xogadoras estaban as xovenses Julia López e Belén Meitín, que quedaron apeadas na primeira eliminatoria. Disputadas as correspondentes eliminatorias, ás semifinais pasaron Clara Martínez (independente, procedente do chamado bolo vaqueiro), Ana Durán do Club de Bolos Baredo de Baiona, Sandra Suárez do Club de Bolos Los Serenos de Cangas de Narcea e Belén Rodríguez do Club de Bolos A Rega de Baiona. Na primeira semifinal Clara Martínez impúxose a Sandra Suárez con máis dificultades do previsto.  Na segunda semifinal enfrontábanse 2 xogadoras de Baiona, aínda que de distinto club, impoñéndose finalmente Ana Durán, do Club Baredo, sobre Belén Rodríguezdo,  Club A Rega. En categoría individual resultou gañadora Clara Martínez

Canto á competición por parellas, disputouse en Sumoas o domingo 18 pola mañá. Na mesma participaron as 16 mellores xogadoras do clasificatorio realizado o sábado, entre as cales estaban as xovenses Julia López, Belén Meitín e Carmen Roca. Tanto Julia como Belen caeron na primeira eliminatoria, pero Carmen Roca, formando parella coa xogadora Blanca Lago do Club de Bolos Estivada conseguiron pasar ás semifinais onde se atoparon con Clara Martinez e Sheila Ferreira, perdendo a sua eliminatoria. A outra semifinal xogárona Nerea Ferreira e Davinia Dios contra Belén Rodriguez e Vanessa Suarez, gañando as primeiras, o cal facía que na final houbera un duelo entre irmás (Sheila e Nerea). Na final, Clara Martinez e Sheila Ferreiro consiguiron impoñerse a Nerea e a Davinia.