O Concello de Viveiro realiza un balance moi positivo do Mercado Renacentista, que se celebrou na localidade desde o pasado xoves e rematou onte, domingo 9 de xullo.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, manifestou que «o Mercado Renacentista supón, tras o Resurrection Fest, un importante impulso para a economía de Viveiro no mes de xullo, unha cita xa consolidada como un referente de ocio e turismo». A rexedora municipal afirma, ademais, que as previsións para o mes de agosto son moi boas e adianta unha alta ocupación.
Engadiu tamén que «o sector servizos, as perruquerías, as costureiras e o comercio en xeral tiveron moita actividade, cumprindo o noso obxectivo cando decidimos no Concello que o mercado fora no mes de xullo e uns días despois do Resurrection».
Esta XIV edición do Mercado Renacentista contou cun amplo programa de actividades e espectáculos con opcións para distintas idades, alén dos tradicionais postos do mercado. A cita estivo marcada polo desembarco de Carlos V, celebrado o pasado venres, que é sempre un dos puntos álxidos desta festa de recreación histórica.
Desde o Concello de Viveiro agradecen a participación de todas as persoas, veciños e visitantes, que se achegaron á celebración, na súa maioría lucindo os seus traxes de época. Tamén trasladan o seu agradecemento a entidades como Sala 5 ou á Banda de Tambores da Piedade pola súa colaboración no evento.