Míriam Bermúdez: «En Viveiro era necesario un cambio»

Entrevistamos a Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa en Viveiro
Míriam Bermúdez (Xove, 1988) é na actualidade tenenta de alcaldesa en Viveiro. Mestra de vocación, traballou como docente e directora no CEIP de Celeiro. No 2019 estreouse como concelleira co Bloque Nacionalista Galego e nas pasadas eleccións municipais de maio acadou un importante resultado para o seu partido ao conseguir tres actas, dúas máis que nos anteriores comicios.

En anos anteriores, por estas datas, estaría envolta no inicio do curso escolar. Como leva o cambio? 

Con morriña. Como mestra de vocación, si que me dá certa pena non poder estar nas aulas dedicándome a unha das cousas que máis me gusta. Mais teño a sorte de ter moito contacto cos centros a través do que é a propia actividade política, xa que moitas das necesidades que teñen rematan no Concello. Por sorte, moitas das miñas amizades pertencen aos claustros da zona, polo que non perdín de todo o contracto e lévoo o mellor que se pode. 

Xa gobernando, como valora o acordo ao que chegaron co PSOE? 

A valoración é positiva. Entendemos que era o que tocaba facer por responsabilidade, entrar a gobernar. Así o demostraron a urnas, era necesario un cambio. Aquí está o BNG, nun bipartito en Viveiro, intentando facelo o mellor posible. De feito, hai certos resultados, que aínda que sexan pequeniños, que xa demostran que temos capacidade de acción. Nun mes —practicamente inhábil, como é agosto, con moitísimo persoal de vacacións, como é normal— que é o que levamos de actividade dentro do que é o equipo de goberno conseguimos logros importantes. Polo tanto, a valoración é moi positiva. 

Penso que se perdeu unha oportunidade de ter a catro persoas liberadas ao cento por cento para sacar adiante todo o traballo

Finalmente, despois de dous intensos plenos, sacaron adiante dúas dedicacións exclusivas das catro propostas inicialmente. Cre que que contar coas catro sería beneficioso para Viveiro? 

Creo que existe un precedente, o Concello de Viveiro historicamente sempre tivo poucas persoas liberadas. Isto fai que haxa certa repulsión con calquera cambio que se dea. Parece que pasar de dúas retribucións a catro era dobrar, pero se se miran ao detalle as cantidades das que se falaba eran cantidades brutas. Das dúas novas incorporacións, o meu soldo era exactamente igual ao que cobraría dedicándome á miña profesión e o da miña compañeira era un soldo bruto de 20.000 euros. Penso que se perdeu unha oportunidade de ter a catro persoas liberadas ao cento por cento para sacar adiante todo o traballo. Creo que é como había que velo, como un investimento en persoal. É unha perspectiva e unha mirada que tén que mudar, pois un concello de 15.000 habitantes que triplica a poboación durante a metade do ano e no que temos moitísimas casuísticas (con rural puro, cidade pura, centos de quilómetros de territorio…) precisa capacidade de dirección e de organización. É certo que os traballadores fan un labor imprescindible, mais certamente hai determinados asuntos que esixen dunha dirección e para iso está o goberno. Para min si que sería beneficioso, perdeuse unha oportunidade e esperemos que sexa unha mentalidade que vaia mudando co tempo. 

Que balance fai deste primeiro mes como tenenta de alcaldesa? 

Baixo a miña perspectiva, hai moitas cousas por organizar desde cero, falta moita planificación e moita organización. Hai moitos asuntos enriba da mesa e niso estamos. Estamos intentando facernos cun mapa xeral de toda a situación e comezar a abordar as cuestións máis urxentes. Como dicía, logramos xa implementar cambios no servizo de lixo e limpeza ou a realización dun mapeo de todos os viais de titularidade municipal para o seu desbroce, un proxecto que consideramos moi importante, atendendo ao rural tamén nese aspecto. 

Cre que poderán sacar adiante todas as iniciativas do seu grupo? 

Os proxectos que temos en mente desde o BNG e que se estiveron fermentando durante todo o tempo que estivemos na oposición son moi ambiciosos. Un exemplo sería a posta en marcha do bus urbano, para o que xa estamos a manter contacto e non o vexo imposible. Ao mellor leva tempo xestionar todo o que é o entramado burocrático e ver o axuste lexislativo que se lle dá, pero non é imposible. Outro dos obxectivos que xa está conquistado é o de manter abertos os baños públicos durante todo o ano, e non só durante o período estival, pois a xente de Viveiro ten dereito a poder facer uso deste servizo ininterropidamente. Moitos outros proxectos requiren dun maior investimento e para iso teremos que buscar subvencións, fondos, colaboracións etc. 

En materia de mobilidade, en que consistirá o mapeo do concello? 

É outro dos proxectos que tamén consideramos moi importantes e que xa temos encamiñado. O que se fará é un mapeo de todos os viais que temos no concello para ter un contexto e saber cantos deles están sendo atendidos e cales non, porque notamos unha gran cantidade de avisos de que non están desbrozados ou que están en mal estado. É unha das principais necesidades que hai que abordar. 

Ademais, anunciou melloras na recollida do lixo, cun número de teléfono con WhatsApp, unha futura app e unha oficina de atención á cidadanía…

Si, puxemos en marcha un número de teléfono para que a veciñanza puidese trasladar as incidencias que detecta no servizo. En breve, abriremos tamén unha oficina de atención ao público e unha aplicación coa que poder solicitar, por exemplo, a recollida de “enseres”.