Yolanda Castaño e Magín Blanco visitarán a Biblioteca Municipal de Viveiro

Yolanda Castaño visitará a Biblioteca Municipal de Viveiro
photo_camera Fotografía: Santos Díez, baixo licenza CC BY-SA 3.0
O Concello de Viveiro organiza varias actividades na Biblioteca Pública Municipal ao longo dos meses de setembro e outubro. Esta programación, baixo o nome ‘Ler conta moito’, contará coa presenza da poeta Yolanda Castaño ou do artista Magín Blanco.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala que, cos eventos previstos, o Concello de Viveiro «continúa coa súa aposta por promover a lectura desde a infancia dun xeito lúdico á vez que educativo». A entrada aos mesmos será, en todos os casos, de balde ata completar aforo, podéndose reservar prazas acudindo previamente á biblioteca para coller entradas.


A primeira cita deste ciclo de actividades terá lugar este venres 15 de setembro ás 20 h na sala multiusos do Concello de Viveiro, e está dirixida a un público xuvenil e adulto. Contará como relatora coa escritora compostelá Yolanda Castaño.


O sábado 7 de outubro a propia sala multiusos acollerá ás 12 h ‘O que levamos nas maletas’, do músico e cantante Magín Blanco, para público a partir de 3 anos.

E ás 12 h do sábado 14 de outubro na mesma ubicación será a quenda de ‘Contos do mundo: as viaxes de Irene‘, a cargo de Solidariedade Internacional de Galicia.