Arias visitou hoxe aos nenos e nenas que desfrutan da súa estadía nas instalacións do campamento de Area, onde a Xunta de Galicia desenvolve actividades náuticas e deportivas e unha aula de natureza mariña. Os rapaces, que chegaron o pasado sábado estarán no albergue ata o vindeiro luns 24 de xullo, cando chegará a seguinte quenda. O programa inclúe actividades náuticas como vela, windsurf, esquí acuático, caiac ou snorquel; unha aula de natureza mariña; olimpíadas de terra e mar; diversión na praia con xogos de voleibol, slackline, paddle surf, cometas de tracción e pas.
Arias apuntou que a actual campaña de verán da Consellería de Política Social e Xuventude, co lema O verán que sempre vas lembrar, «oferta 1.780 prazas en seis instalacións da provincia de Lugo. En total desenvólvense 30 quendas en Viveiro, na Devesa (Ribadeo); Os Chacotes (Palas de Rei); no albergue Benigno Quiroga (Portomarín), no Lug II (Lugo) e en Carballedo». Subliñou que «o obxectivo destas accións é que os nenos e mozos gocen das vacacións ao tempo que se lles facilita ás familias un recurso de conciliación durante a tempada de verán».
O delegado da Xunta achegouse tamén á Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro para manter unha reunión de traballo coa nova xefa territorial, Mariña Gueimunde, que acaba de tomar posesión do posto. Esta primeira toma de contacto serviu para abordar as principais liñas de traballo relacionadas co sector marítimo-pesqueiro, con especial fincapé naquelas cuestións que afectan á área da Mariña lucense.