Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura, destaca que os eventos programados «inclúen como sempre grandes pezas teatrais a nivel galego, e tamén, como en anos anteriores, a nivel nacional». «Neste caso teremos unha peza que chega dende o País Vasco e outra dende Madrid», engade.
A concelleira sinala que o obxectivo principal desta programación é «facer da nosa cultura unha cultura plural, diversa, que abranga tanto o feito no noso país como o feito no panorama nacional».
«É sempre un pracer presentar esta programación, que demostra que o teatro Pastor Díaz está máis vivo que nunca», afirmou Fernández Fernández- Noriega, «incluíndo a a máxima diversidade posible, para todos os gustos e todas as idades». «Agardamos que sexa un éxito, como sempre, e agardamos ao público nas butacas», concluíu.
A programación para os vindeiros meses no teatro inclúe ata oito representacións de obras de teatro para todas as idades. Tamén dous concertos da Banda Municipal de Música de Viveiro, o de Santa Icía o 18 de novembro e o de Nadal o 23 de decembro, e un espectáculo de maxia a cargo de 4 ilusionistas diferentes o 28 de decembro. Así mesmo, tamén se incluirá a programación da V edición de Superarte no mes de outubro.